Noticias

Os núcleos rurais de Arbo gañan novas infraestruturas gracias ao investimento de 400.000 euros co Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

Santos Héctor, deputado de Cooperación: "Son obras exemplares porque dan resposta á mobilidade da xente que vive no rural e evidencian o respecto polo medio ambiente"


03 novembro 2020
Duas persoas recorren as obras

Os núcleos rurais de Paravedra, O Pibidal-O Meixoeiro e O Urzal-A Cividá dispoñen de novos servizos gracias a un investimento de case 400.000 euros realizado pola Deputación de Pontevedra, en colaboración co Concello de Arbo, a través do Plan Concellos para o financiamento dos municipios de menos de 50.000 habitantes. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, e o alcalde, Horacio Gil, comprobaron hoxe os bos resultados das catro obras realizadas e as melloras que supoñen para a veciñanza dos tres núcleos.

No lugar de Paravedra ensanchouse unha pista de acceso que só contaba con 2 metros de anchura e pavimento de terra, en O Pibidal-O Meixoeiro fíxose unha gran obra de ampliación do viario de comunicación dobrando a súa sección desde os 3 metros anteriores aos 6 metros. Finalmente, no Urzal-A Cividá, construíuse unha nova rede de saneamento e, na actualidade, estase a ampliar a angosta pista do Urzal aos 4,5 metros de ancho. As catro actuacións foron financiadas integramente pola Deputación con cargo ás anualidades dos Plans Concellos de 2018, 2019 e 2020.

Santos Héctor felicitou ao alcalde e a toda a Corporación por ter elixido e impulsado estas catro actuacións "porque, como puiden ver hoxe, os obxectivos do Plan Concellos están perfectamente cumpridos". Destacou que son obras "exemplares porque dan resposta á mobilidade da xente que vive no rural e evidencian o respecto polo medio ambiente". O deputado destacou que asentar poboación no rural significa facer este tipo de obras para que a veciñanza poida dispoñer duns accesos dignos, polos que tamén poida circular un vehículo de emerxencias. "Volve quedar demostrado que o Plan Concellos é unha ferramenta importantísima para afrontar accións de envergadura en concellos pequenos; concellos que, cos seus propios orzamentos, terían moi difícil realizalas".

O alcalde, Horacio Gil agradeceu a visita do deputado e destacou que as obras foron pensadas para dotar aos núcleos rurais dos servizos dos que carecían. "Estamos a recibir uns recursos importantes e hai que agradecer que a Deputación que contribúa a que estas infraestruturas poidan executarse". Na súa intervención desexou que se continúe "nesta boa liña de colaboración entre a Deputación e os concellos pequenos" para mellorar a calidade de vida da veciñanza". "Quero agradecer á presidenta da Deputación a posta a disposición destes fondos para atender as necesidades de concellos pequenos e rurais, como é o de Arbo", rematou.

No ensanche da pista de acceso a Paravedra (Mourentán) investíronse 70.545,21 euros nun tramo de preto de 250 metros, para o que foi preciso construír 5 muros de cachotería e instalar rede de drenaxe para evitar encharcamentos. O pavimento foi executado cunha capa de formigón raiado de 12 centímetros de espesor. Por outra banda, o acceso que une O Pibidal e O Meixoeiro (Mourentán) contou con 170.144 € de investimento para dotar á estreita vía dunha sección tipo de 5 metros, máis 1 metro de cuneta de formigón. A obra, de case un quilómetro de lonxitude, tivo a complexidade da necesidade dun gran desmonte e a realización de 724 metros de muros de contención. Ademais, repúxose un tubo de rego, a rede de abastecemento de auga a 10 vivendas e acometida de saneamento. O pavimento quedou acabado en asfalto en quente. A maiores colocouse un perfil bionda de protección na zona máis perigosa do trazado.

O saneamento no Urzal e na Cividá (Sela) tivo un custo de 62.718,50 euros. Recolle as augas residuais dunhas vivendas que estaban vertendo irregularmente nas proximidades do río Miño, nunha franxa situada entre a estrada autonómica PO-400 e a vía férrea. Ademais desta nova rede, ampliouse a sección dos camiños a catro metros gracias á cesión de varias parcelas xestionadas desde o Concello. O novo pavimento está acabado en formigón. Tamén no Urzal está a executarse nestes intres unha segunda fase co ensanche deste camiño nun tramo de 200 metros, gracias a outros 90.978,94 euros achegados desde o Plan Concellos.

O concello de Arbo contou cun investimento total de 4.834.244 euros da Deputación de Pontevedra desde o ano 2015. Neste tempo, executou 34 obras, financiou 14 actividades socioculturais (ademais de pagos a provedores) e contratou a 73 traballadoras/es. Todo elo con cargo ao Plan Concellos. Ademais recibiu investimentos con cargo aos distintos programas e efectuáronse obras de mellora nas estradas provinciais, como a EP-5003 A Cañiza-Arbo.

Fotos