Noticias

Os "Hispanos" concentraranse na provincia de Pontevedra coa mirada posta nos xogos de Tokio

Carmela Silva destacou a importancia desta iniciativa destacando que "os eventos deportivos xeran moitísima actividade económica e permiten que as cidades que os albergan se convertan en referencias"


08 xuño 2021
Presentación balonman

A selección española masculina de balonmán afrontará a recta final cara os Xogos Olímpicos de Tokio na provincia de Pontevedra, onde se concentrará entre o 22 e o 28 de xuño e entre 4 e 9 de xullo para decidir que xogadores formarán parte da lista definitiva que viaxará ao país nipón. Durante a súa estancia na provincia os "hispanos" tamén disputarán dous partidos preparatorios o 27 de xuño en Pontevedra e o 10 de xullo en Vigo. Así o anunciou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do presidente da Federación Española de Balonmán, Paco Blázquez, e o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, e aproveitou para destacar a importancia dos eventos deportivos, como xeradores de "moitísima actividade económica e permitir que as cidades que os albergan se convertan en referencias".

A presidenta espera que as xornadas que pasarán os xogadores na provincia lles sirvan para acadar un metal nos Xogos Olímpicos e que "estes non sexan os últimos acordos que teñamos para eventos relacionados co balonmán". Tamén lembrou que "na nosa provincia ámase profundamente o balonmán", tanto é así que "somos unha gran referencia deste deporte, con cinco equipos que formaron parte da liga Asobal". 

Pola súa banda o presidente da Federación Española de Balonmán, Paco Blázquez, destacou que a selección necesitaba as máximas garantías para preparar da mellor maneira posible uns Xogos Olímpicos "e iso apórtao a provincia de Pontevedra, que conta entre outras calidades cun clima semellante ao de Tokio". Ademais, remarcou que durante o Mundial Júnior Masculino de 2019 "adquirimos un compromiso coa presidenta e non podíamos faltar. A provincia de Pontevedra merecíase ter un partido da selección pero quedábasenos curto e quixemos traer dous".

Finalmente, o presidente da Federación Galega, Bruno López enxalzou o apoio da Deputación ao balonmán e definiuna como "a mellor compañeira de viaxe na súa promoción e difusión en todos os ámbitos desde categorías base ata a elite". Do mesmo xeito, tamén fixo un recoñecemento aos concellos de Vigo e Pontevedra por poñer á disposición da selección as instalacións nas que se realizarán os adestramentos e se xogarán os encontros.

A concentración da vintena de "hispanos" terá lugar en dúas quendas (do 22 ao 28 de xuño e do 4 ao 9 de xullo) e en formato burbulla no concello de Sanxenxo, onde os xogadores e o equipo técnico contarán cun hotel á súa completa disposición para evitar contaxios de COVID-19. Desde alí trasladaranse á cidade de Pontevedra, onde realizarán a diario os seus adestramentos. Ademais, durante a súa estancia na provincia xogarán dous partidos. O primeiro deles, ante Croacia, terá lugar o 27 de xuño no Pavillón Municipal de Pontevedra e dúas semanas máis tarde, o 10 de xullo, enfrontaranse á selección lusa no Complexo Deportivo das Travesas, en Vigo.

Audios

  • Audio