Noticias

As e os 16 de Río 2016 chegan ao Rosal cunha exposición de homenaxe da Deputación

"De Pontevedra a Río 2016", que inaugurou a deputada de Deportes, Chelo Besada, poderase visitar ata o vindeiro 23 de abril na sala de exposicións da casa consistorial


11 abril 2017
Exposición de Pontevedra a Río en O Rosal

A mostra fotográfica da Deputación de Pontevedra "De Pontevedra a Río 2016", coa que a institución provincial quere render homenaxe ás e aos deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia de Pontevedra que participaron nas últimas edicións tanto dos Xogos Olímpicos como Xogos Paralímpicos xa está instalada na casa do Concello do Rosal. A deputada de Deportes, Chelo Besada, o alcalde do Rosal, Jesús María Fernández, así como distintas e distintos integrantes da Corporación municipal, inauguraron hoxe a exposición na casa consistorial. "De Pontevedra a Río 2016" estará dispoñible para toda a veciñanza ata o vindeiro domingo 23 de abril en horario de 10 a 14 horas e tamén de 16 a 20 horas na sala de exposicións do edificio.

A deputada de Deportes, Chelo Besada, asegurou que "estas e estes deportistas son o noso orgullo e axudaron a que o nome da nosa provincia chegase ata a cidade de Río e, de alí, a todo o mundo". Por iso agora a institución provincial puxo en marcha esta mostra fotográfica co obxectivo de que "tamén os seus nomes, os destas 16 persoas tan valentes e que amosaron o seu compromiso pola calidade do noso deporte, non queden no esquecemento tras o seu paso por estas competicións", isto é, segundo a deputada, "que todas as pontevedresas e pontevedreses os lembren e se convertan en partícipes dos seus logros".

Chelo Besada sinalou que, máis aló dos méritos que puideron obter estas persoas en Río 2016, "temos que ser todas e todos conscientes do grande mérito que supón a súa participación nestes eventos de tan alto nivel porque non chegan aí desde a nada, senón froito do traballo de moitos anos, dun grande esforzo e perseveranza que, en moitos casos, levou consigo sacrificar outras parcelas das súas vidas".

A exposición recolle o palmarés das e dos 16 deportistas olímpicos e paralímpicos da provincia de Pontevedra, nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. As e os 16 de Río 2016 son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabéu Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Martín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.

"De Pontevedra a Río 2016" é unha exposición itinerante organizada pola Deputación de Pontevedra. Antes da súa chegada ao concello do Rosal, a mostra xa percorreu distintos espazos públicos dos concellos de Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, As Neves, Silleda, A Estrada, Marín e Ponteareas.