Noticias

Os concellos máis pequenos da provincia recibirán hoxe outras 58.000 máscaras nunha nova repartición obxectivo da Deputación de Pontevedra

A institución provincial leva xa distribuídas 325.000 unidades desde o comezo da pandemia no marco da colaboración coa Subdelegación do Goberno e a FEMP para remitir o material de protección enviado polo Goberno de España


09 marzo 2021
Paquetes de máscaras preparados para repartir entre os concellos

A Deputación de Pontevedra realiza hoxe unha nova entrega de máscaras cirúrxicas de protección aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Son outras 58.000 unidades que, sumadas ás anteriores entregas, eleva a un total de 324.500 o balanzo do material repartido pola institución provincial desde o comezo da pandemia. A iniciativa encádrase no acordo de colaboración institucional coa Subdelegación do Goberno e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para facer chegar o material de protección esencial aos colectivos máis vulnerables coas achegas periódicas que fai o Goberno de España.

Con esta son xa cinco as reparticións de máscaras efectuadas pola Deputación. En concreto, a institución provincial achegou unha primeira remesa de  57.000 máscaras en maio, unha segunda de 97.500 en setembro, unha terceira de 58.000 en novembro e outras 54.000 na última achega de decembro, todas elas gracias a este plan de cooperación institucional entre o Goberno de España e a Administración local.

A carta remitida desde a Deputación ás alcaldesas e alcaldes explica que as máscaras están destinadas á súa distribución entre os colectivos máis vulnerables de cada municipio, xunto ao persoal de limpeza e residuos sólidos, traballadoras e traballadores sociais e policías locais. Ademais clarexa os criterios de repartición, que consisten en asignar 600 unidades aos concellos de menos de 3.000 habitantes, 900 aos que teñen ata 5.000 habitantes, 1.200 aos que contan con ata 10.000 habitantes, 1.500 aos de menos de 15.000 habitantes e, finalmente, 1.750 unidades aos concellos de ata 20.000. Este último envío forma parte do "paquete" de 13 millóns de máscaras cirúrxicas que o Goberno de España pon este mes a disposición das entidades locais, no marco do acordo coa FEMP, así como coas ONG e entidades sociais que loitan en primeira fila contra a pandemia.