Noticias

Os concellos do Val Miñor, Pontevedra e O Baixo Miño deixan a súa pegada en FITUR na presentación da Deputación do Camiño pola Costa

A presidenta, Carmela Silva, pon en valor o patrimonio e os ecosistemas naturais dos concellos destas comarcas como "referentes turísticos de primeira orde"


19 xaneiro 2017

Os concellos da comarca do Val Miñor (Baiona, Nigrán, Pontevedra, Soutomaior, Vilaboa, Barro, Portas, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures, A Guarda, O Rosal e Oia) foron protagonistas hoxe na presentación do destino do Camiño Portugués pola Costa que fixo a Deputación de Pontevedra en FITUR. A presidenta, Carmela Silva, destacou na súa intervención os "innegables atractivos que estes concellos lles ofrecen aos e ás visitantes que opten por facer este novo tramo pola costa do Camiño Portugués, que foi recoñecido oficialmente o ano pasado".

Silva destacou en Baiona  "a carabela Pinta, dabondo coñecida pola súa importancia histórica e que converteu a Baiona na primeira localidade europea en coñecer o Descubrimento de América", a zona vella, que foi declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1993, "ou a fermosísima fortaleza da península de Monterreal". En canto ao concello de Nigrán, a presidenta provincial destacou "a ponte romana da Ramallosa, que a separa de Baiona; A Praia América, en Panxón; o estuario da Foz; ou o miradoiro situado aos pés do monumento á Mariña Universal".

Os alcaldes das localidades da comarca do Val Miñor puxeron en valor o seu paso polo Camiño, unha viaxe na que os e as visitantes poden coñecer algúns dos seus recursos patrimoniais máis importantes. O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, destacou "o centro histórico, que ofrece un alto no Camiño, onde poder repoñer forzas e coñecer a nosa historia, vinculada á carabela Pinta, a Festa da Arribada, o noso patrimonio e a nosa gastronomía". Pola súa banda, o alcalde de Nigrán, Juan González, asegurou que "o proxecto está a comezar, pero o futuro é esperanzador e suporá a entrada de moitas persoas en Nigrán". González lembrou que "será un eixe turístico e cultural e unha iniciativa moi importante para desestacionalizar o turismo" nunha localidade na que destacan "A Ramallosa, a ponte romana ou os muíños e petróglifos de Chandebrito, ademais das praias integradas na rede Natura 2000".

Pola súa banda, Silva destacou, ademais, o "fermosísimo centro histórico de Pontevedra, coa Peregrina, as ruínas de San Domingos e a basílica de Santa María como tres puntos de visita obrigada na vila". De Soutomaior resaltou o castelo de Pedro Madruga e as "famosísimas ostras de Arcade "; e de Vilaboa, a capela de Santa Marta, en Bértola. A presidenta incidiu tamén na importancia dos ecosistemas "inigualables que podemos atopar en concellos coma Barro, co Parque Natural da Barosa", e, seguindo co percorrido, resaltou outro elemento crave na aposta da Deputación como é o termalismo no municipio de Caldas de Reis. De Valga, Carmela Silva destacou o seu patrimonio, e recomendou unha parada na igrexa de San Miguel, e, chegando a Pontecesures, xa no final do Camiño Portugués na provincia de Pontevedra, "a ponte de dez arcos do século I, que cruza o río Ulla, e a igrexa de San Xulián, de orixe románica".

Os alcaldes e representantes das localidades da comarca puxeron en valor a aposta da Deputación polo Camiño. A concelleira de Turismo de Pontevedra, Anabel Gulías, sinalou que, "grazas a esta iniciativa buscamos novas vías e reclamos, promovendo o Camiño Portugués, un gran activo turístico e económico". O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, sinalou que, ademais, no seu caso, "xa se está notando a iniciación de moitas iniciativas locais arredor do Camiño, que están a deixar unha importante cantidade de cartos na localidade".

O alcalde de Barro, Xosé Fernández Abraldes, destacou "o Parque Natural do Río Barosa, pero tamén que, a 500 metros deste, temos outra pequena xoia como é a igrexa románica de Agudelo ", e sinalou que "o Camiño e FITUR constitúen os mellores escaparates para que a xente que nos visita a través do Camiño tamén coñeza a nosa riqueza". Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, puxo en valor o termalismo da localidade, e asegurou que "grazas ao Camiño a crise en Caldas foi menos crise, ademais da grandísima contribución cultural que fai ao noso concello, xerando unha mestizaxe, imposible doutro xeito".

Pola súa banda, o alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, resaltou "o binomio inseparable que supón falar do Camiño Portugués e Pontecesures", desde "o que fai a ruta marítima do mar de Arousa  e do río Ulla, entrada necesaria ao Camiño, ata  a "vinculación directa e indirecta da nosa localidade co Camiño, que chega ata a Idade Media".

Finalmente, en relación a O Baixo Miño Silva destacou que o concello da Guarda é o comezo do Camiño pola Costa no estuario do Miño, onde "é necesaria a visita ao monte Trega para coñecer o asentamento arqueolóxico máis importante de Galicia, que está datado no século V a. C.". Se o estuario do río Miño ten un extraordinario interese natural, non é menos a propia localidade mariñeira da Guarda, "onde se poden visitar as típicas casas mariñeiras e o seu porto impregnado pola salitre do océano Atlántico".

O percorrido continúa polo concello do Rosal, onde, segundo a presidenta da Deputación, destacan os seus cantís sobre o mar , pero, sobre todo, " o turismo vinculado coa enoloxía, por ser unha zona bendicida polo clima para o cultivo dos mellores caldos da denominación Rías Baixas". Parada obrigada é, tamén, o mosteiro de Santa María de Oia, do que Carmela Silva subliñou que é o único a pé de mar. Pero a localidade de Oia  tamén ofrece un importante xacemento arqueolóxico, coñecido como A Cabeciña, con máis de catro mil anos de antigüidade, e no que se poden ver uns gravados rupestres únicos en Galicia. 

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, asegurou que "en 2009 xa comezamos con este proxecto marcando cunhas frechas amarelas os lugares polos que transcorría o Camiño. Non sabiamos onde ía chegar o proxecto, pero si que tiña moito futuro", e destacou diversos recursos turísticos da localidade, coma o monte de Santa Trega, co seu xacemento arqueolóxico e as vistas á desembocadura do río Miño no océano Atlántico e a fronteira con Portugal. O alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, asegurou que "só contamos con dous quilómetros de costa, pero moi ricos, cuns dos mellores percebes de Galicia, con turismo verde, a Ruta dos Muíños do Folón e do Picón, recollida en todos os sendeiros de Galicia, cunhas impresionantes vistas sobre Portugal, A Guarda e todo o val do Rosal", e "co produto estrela: o viño do Rosal".

Pola súa banda, a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, puxo en valor "o mosteiro de Oia, único cisterciense en Europa á beira do mar", como unha "peza única e máxima, coa súa combinación de estilos e o seu enclave". Tamén destacou "o proxecto Costa dos Castros, unha ruta lineal de sendeirismo na que estamos a traballar para que poidan devir outras rutas circulares".