Noticias

Os composteiros de Príncipe Felipe comezan a funcionar a pleno rendemento

Os técnicos da "Facultade da compostaxe" explicarán in situ, mañá luns, o funcionamento dos centros de compostaxe da cidade infantil a representantes de colectivos veciñais e dos grupos municipais do Concello de Pontevedra


13 mar 2016

Os dous composteiros instalados en Príncipe Felipe para tratar o lixo orgánico da cidade infantil da Deputación xa están funcionando a pleno rendemento. Hai xa case unha semana que os primeiros restos de comida dos comedores se depositaron neses composteiros e o proceso para o tratamento dos residuos está a ser estudado polos alumnos que reciben formación na Facultade da compostaxe. Segundo explicou o vicepresidente, César Mosquera, este é o momento máis importante da formación dos responsables da xestión dos centros de compostaxe nos concellos e da posta en marcha do sistema, "xa que é cando se poden detectar os posibles contratempos, se é que xorden, e buscarlles unha solución axeitada. A experiencia de Príncipe é fundamental e servirá para mellorar o Plan Compost".

O centro educativo asistencial de Montecelo foi o escenario escollido pola Deputación para instalar os primeiros composteiros comunitarios da provincia, por ter unhas características axeitadas para converterse nunha "illa" da que non sae ningún tipo de residuo orgánico. En Príncipe Felipe xéranse refugallos das cociñas e comedores, nos que comen uns 280 nenos e nenas da escola infantil, dos centros de acollida e dos nenos do colexio de educación especial. Estes restos estanse a mesturar cos restos das podas dos xardíns que rodean as instalacións nun composteiro estático de seis módulos individuais, exactamente igual que os que se repartirán entre os concellos  que se sumaron ao Plan Compost Revitaliza.

Hai que lembrar que a Deputación lle subministra a cada entidade local un máximo de 24 unidades modulares dun metro cúbico para formar os seus centros de compostaxe comunitario (CCC), que se poderán distribuír entre dous de maior tamaño -12 módulos- e ata oito de menor tamaño -tres módulos-.

No caso de Príncipe Felipe o CCC está instalado moi preto da cociña. O persoal deposita os refugallos da elaboración da comida e os restos dos pratos nuns cubos. Os aspirantes a mestras e mestres composteiros son os encargados de levalos ata o composteiro e, ao igual que acontece nos concellos, achegan o estruturante (poda triturada) e o mesturan todo para que se inicie o proceso da compostaxe. Teñen que calcular as proporcións, en función do tipo de residuos que observan, para que non se produzan disfuncións. A partir de aí teñen que medir a temperatura, a humidade, así como, periodicamente, remexer o produto resultante para garantir a súa osixenación, fundamental para que os microorganismos inicien a descomposición do lixo e a súa transformación en compost.

Ademais do CCC estático, Príncipe Felipe tamén conta con un composteiro dinámico que trata os residuos do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, onde fan prácticas de cociña preto de 450 alumnos. Estes poden tirar directamente o lixo ao aparello mediante un tubo. Os residuos mestúranse co estruturante, grazas a un automatismo programado que os fai xirar, polo que a xestión do composteiro precisa dun menor control por parte dos técnicos.

En total, en Príncipe Felipe pódese tratar cada día ata un máximo de 150 quilos de lixo orgánico entre o compostador estático e o dinámico.

Para dar a coñecer o funcionamento destas instalacións in situ e poder formular as dúbidas que consideren oportunas o vicepresidente provincial, César Mosquera, convidou a visitar a cidade infantil este luns a representantes de colectivos veciñais do concello de Pontevedra, así como os grupos da Corporación municipal da capital. Os profesores que están a instruír os aspirantes a mestras e mestres composteiros, así como os técnicos da Deputación provincial serán os encargados das explicacións. "Príncipe Felipe será un escaparate extraordinario para facer extrapolacións de como funciona a compostaxe, tanto para a cidadanía de toda a provincia como para restaurantes e grandes produtores", dixo Mosquera.


Novas relacionadas