Noticias

Os Bolechas xa están na comarca do Condado para xogar coa riqueza da lingua galega

A través dunha mostra interactiva que permanecerá na praza da música de Ponteareas ata o 30 de novembro e que polas tardes e durante a fin de semana está aberta a público familiar


20 novembro 2018
Os Bolechas.

Desde esta mañá e ata o 30 de novembro a mostra ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego' permanecerá instalada na praza da música de Ponteareas para dar a coñecer a riqueza do idioma galego a través do universo Bolechas. Polas mañás a mostra poderá visitarse en grupos organizados a través dos centros educativos da comarca -as reservas para centros educativos xa están completas- e polas tardes abre para todo tipo de público. O horario de apertura é de 10 a 13:30 h e de 16 a 20 h, de luns a venres. Os sábados, domingos e festivos o horario é de 11 a 14 h e de 17 a 21 horas.

A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra no marco do Ano da Lingua, abriu oficialmente as súas portas esta mañá coa presenza das irmás e irmáns Bolechas, Carlos, Pili, Loli, Braulio, Sonia e Tatá, que viaxaron ata Ponteareas para darlle a benvida e saudar a un grupo de 41 alumnas e alumnos do CEIP Bouza Brei. Tamén estiveron presentes o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, o alcalde da localidade, Xosé Represas, a concelleira de Cultura, Hortensia Bautista, a de Educación, Cristina Fernández, a de Benestar Social, Verónica Carrera, e Teresa Rocamonde representando á Editorial Bolanda.

Xosé Leal animou ao alumnado a "aprender xogando e a experimentar coa lingua galega", ao tempo que os instou "a que volvades polas tardes coas vosas familias e cos vosos amigos". Mentres, Xosé Represas asegurou que "por fin temos aos Bolechas en Ponteareas" e anunciou que todo o alumnado do concello que pase pola carpa da exposición será agasallado cun libro dos Bolechas. Pola súa banda, Teresa Rocamonde aseguroulles que "despois de xogar con todo o que tedes aquí dentro, deseñado especificamente para vós, seredes os maiores expertos en lingua nas vosas casas".

Esta exposición, que iniciou a itinerancia o pasado mes de maio, xa estivo en Pontevedra, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Moaña, A Estrada, A Cañiza, Caldas, e Tomiño, tras pasar por Ponteareas, rematará o seu percorrido en Vigo.

Estrutura

A riqueza do idioma e a necesidade de mantelo vivo e fomentar o seu uso desde idades temperás é o obxectivo fundamental de ‘Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego'. A mostra, ademais de todos os aspectos lúdicos e pedagóxicos que contempla, tamén coida especialmente os elementos relativos á inclusión e á accesibilidade, tanto física como sensorial. Neste sentido, inclúe ramplas de acceso ao recinto, así como elementos sonoros e sensoriais, en braille e pictogramas de fácil lectura – estes últimos especialmente indicados para persoas con dificultades na aprendizaxe e mesmo con trastornos do espectro autista-.

O percorrido pola carpa estruturase en diferentes áreas consecutivas. A primeira sitúase na entrada coa ‘Porta das palabras', onde as rapazas e rapaces xa comezan a formar parte do proxecto toda vez que deben decidir por que porta entran ao recinto, xa que cada unha ten un nome e unha singularidade particular. Séguenlle unha zona de paneis para xogar coas variedades dialectais do idioma; e unha zona táctil para interactuar a través de xogos e ir aceptando e superando retos. O eixo central é o ‘Faladoiro', concibido como o gran teatro dos diálogos nun espazo deseñado como unha aula-auditorio con bancadas, escenario e pantallas para visualizar aventuras dos Bolechas e participar de viva voz no concurso que propoñen os audiovisuais. Continua cunha piscina de bólas concibida para navegar nun mar de palabras que deben atopar e encestar no caixón correspondente; cunha área inmersiva e multisensorial de luces, cores e son para estimular a aprendizaxe da linguaxe de xeito protagonista; un gran karaoke para interpretar cancións nas diferentes variedades dialectais; e unha zona touch e de experimentación con xogos táctiles de destreza, debuxo e pintura, tanto interactivos como tradicionais; e por último, o gran mapa da linguas concibido como un xogo da oca no que o taboleiro é un gran mapa de Galicia coas diferentes variedades dialectais, e cos seus correspondentes obstáculos, retos, desafíos e penalizacións.

Ademais a mostra contempla materiais de apoio e complementarios, como son as unidades didácticas deseñadas ad hoc a modo de caderno de actividades, que complementan e serven de repaso de todo o visto e vivido no percorrido expositivo. Inclúe tamén un libro aventura protagonizado polos Bolechas sobre as variedades dialectais do galego.