Noticias

Oia recibe unha nova achega de preto de 12.000 euros a través do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra

A institución provincial leva entregado o 95 % do total destinado a Oia dentro do programa provincial para este ano, uns 430.000 euros


28 setembro 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de Resolución presidencial, unha nova achega ao Concello de Oia de 12.034,44 euros ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2017, destinada a Investimentos. Grazas a esta axuda, acometeranse melloras no rendemento na seguridade dos sistemas de depuración existentes no municipio.

Anteriormente, o concello xa recibira, dentro da súa liña 1 de Investimentos, 35.631,91 euros para a recuperación do camiño de Liñares, outros 25.994,94 euros para realizar o saneamento do camiño de Videira e a rehabilitación un lavadoiro en Vilar, outros 20.030,47 euros para a ampliación do parque infantil de Mougás e o acondicionamento do acceso ao cemiterio municipal, 6.590,91 euros para a subministración de pezas para realizar un illamento acústico, 1.672,89 euros para a adquisición de material informático, 161.961,90 euros para unha actuación integral no camiño de Refoxos. Dentro da liña 2, 65.045,63 euros para gastos correntes e, ademais, outros 94.434,08 euros para a contratación de 12 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da localidade, a través da liña 3 de Emprego do Plan Concellos.

Coa suma desta nova achega, Oia xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 95 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 412.170 euros dun total de preto de 434.000 euros.