Noticias

A Federación Española de Sordocegueira dá o seu apoio á iniciativa de oficializar a Lingua de Signos Galega

A proposta de XOGA, que conta co financiamento da Deputación de Pontevedra, recibiu os parabéns da entidade estatal co gallo do Día Internacional das Linguas de Signos


24 setembro 2021

A Federación Española de Sordocegueira (FESOCE) vén de dar o seu apoio á iniciativa recoñecer oficialmente a Lingua de Signos Galega (LSG). A  proposta, impulsada pola Organización de Diversidade Sensorial de Galiza ‘Xoga' co soporte e financiamento da Deputación de Pontevedra, recibiu publicamente os parabéns da entidade estatal coincidindo co Día Internacional das Linguas de Signos, por considerar que a LSG "é unha lingua propia que forma parte da cultura e idiosincrasia galegas".

A Deputación de Pontevedra e ‘Xoga' formalizaron neste ano un acordo de colaboración polo que se está a realizar un traballo de investigación para recoñecer a Lingua de Signos Galega (LSG) como forma de comunicación oficial. Dende o goberno provincial decidiuse apoiar esta iniciativa, segundo subliña a deputada de Lingua María Ortega, para defender os dereitos lingüísticos da comunidade con diversidade sensorial de Galiza inxectando 30.000 euros no proxecto e anunciando o compromiso de manter o apoio ata o final de mandato.

Os traballos da investigación comezaron en xaneiro a cargo dunha equipa formada por unha persoa coordinadora, filólogas, investigadores e intérpretes, "para dar os primeiros pasos e analizar o que está feito, o que queda por facer e con quen se pode contar". A intención é que a finais de 2021 estea listo o primeiro informe prospectivo. As persoas potencialmente beneficiarias da LSG serán máis de 54.000 en toda Galiza –segundo datos de Política Social-, ás que habería que sumar as que non teñen o certificado de discapacidade.

Coa oficialización da Lingua de Signos Galega cumpriranse dous obxectivos primordiais: recuperar a identidade propia galega da comunidade  xorda e con diversidade sensorial do país, xa que a lingua permite manter costumes e tradicións, así como suplir a carencia na formación que hai na lingua oral galega para esas persoas.

A presidenta de Xoga, María Jesús Monterde, subliñou na presentación do convenio de colaboración coa Deputación que para o colectivo con diversidade sensorial a oficialización da LSG é un paso "moi importante". Destacou que as linguas de signos son patrimonio que enriquece a cultura e permite ás persoas con diversidade sensorial (xordas, xordocegas e con perda auditiva) poder comunicarse, ademais de manifestar o compromiso da organización Xoga para lograr "o que por dereito lle corresponde ao pobo galego que é unha lingua de signos de seu".

Nestes momentos en España existen só dúas linguas de signos oficiais, a española e a catalana. Cando na Galiza unha persoa fala oralmente en galego sempre é interpretada cara ás persoas con diversidade na lingua española de signos, xa que a pesares de que de facto existe a galega, non está recoñecida.