Noticias

A Deputación adxudica as obras de reposición do firme na EP-6106 Maceiras-Alavarellos, en Dozón

As actuacións contan cun orzamento de máis de 330.000 euros e levaranse a cabo en preto de cinco quilómetros da estrada provincial


10 xaneiro 2022
Xunta de Goberno 10-01-2022

A Deputación de Pontevedra continúa a apostar por unha rede de estradas provinciais segura coa aprobación da adxudicación da reposición de firme na EP-6106 Maceiras-Alvarellos, que transcorre de xeito íntegro polo concello de Dozón. Deste xeito, a Xunta de Goberno da institución provincial deu hoxe luz verde a 332.880 euros cos que se actuará en 4,8 quilómetros de estrada.

As obras, que teñen un prazo de execución de catro meses, realizaranse a nivel superficial con traballos como a demolición do firme actual e a súa substitución, o pintado da estrada e a instalación dunha nova sinalización. A actuación enmárcase dentro dos tarefas de conservación que a Deputación está a levar a cabo nas estradas provinciais co fin de mellorar a seguridade viaria.

Os traballos que se realizarán na EP-6106 están en consonancia co decálogo de actuacións nas estradas provinciais, no que se potencia unha boa conservación do patrimonio viario provincial con actuacións como a mellora do firme, a sinalización, as rozas e limpezas de cunetas e a iluminación. Este decálogo rexe as actuacións que se realizan nas 377 estradas provinciais que contan con aproximadamente 1.700 quilómetros de lonxitude total.