Noticias

Deputación de Pontevedra remata as obras de mellora no primeiro tramo da estrada provincial EP 9702 as Sinas-Vilanova

Os traballos, cun orzamento de preto de 33.000 euros, consistiron no reforzo de firme e na sinalización horizontal


03 outubro 2020
As Sinas Vilanova

A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora de reforzo de firme no primeiro tramo da EP-9702 entre As Sinas e Vilanova, no concello de Vilanova de Arousa, onde se investiron 32.844,60€. A través desta actuación, a institución provincial procedeu á mellora da capa de rodadura da estrada e á instalación de sinalización horizontal.

Mediante estas obras de mellora repúxose o firme na estrada provincial entre As Sinas e Vilanova, actuando na primeira parte da vía, nun tramo de 900 metros que se atopaba en mal estado de conservación, para incrementar a súa seguranza viaria, no marco do modelo de mobilidade segura da Deputación de Pontevedra.

Deste xeito, e unha vez que o Concello arranxou a problemática existente en relación coa tubaxe de auga, a institución provincial procedeu á mellora da capa de rodadura, aplicando unha rega de adherencia, así como á execución da sinalización horizontal. En concreto, as actuacións que se desenvolveron no primeiro tramo da vía consistiron no varrido e limpeza, fresado de firme, emulsión asfáltica e mestura bituminosa en quente. No que respecta á sinalización horizontal realizouse un marcado da vía permanente e reflexivo.

 

Fotos