Noticias

O "Plan Concellos 2017" destina máis de 90.000 euros en Cerdedo-Cotobade para a parroquia de Borela

A institución provincial leva entregado o 97% do total destinado a Cerdedo-Cotobade dentro do Plan, cun investimento situado en máis de 875.000 €


25 xullo 2017
Plan concellos 2017

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, dúas novas achegas ao concello de Cerdedo-Cotobade no marco do "Plan Concellos 2017", dentro da súa liña 1 de investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará 47.992,63 € para realizar obras en camiños de Borela e outros 43.961,60 euros para a creación dunha nova área infantil no lugar de Cavada (parroquia de Borela).

Ao abeiro do "Plan Concellos 2017", anteriormente a institución provincial xa destinara a Cerdedo-Cotobade 529.572,01 € en liña 1 para realizar accións en diversos depósitos de auga da vila (Outeiro dos Castros, Tresaldeas, Framil, Peniñas e Vilalén), para os camiños de Famelga, Pazos de Borela, Valongo e Vilanova, o remate do campo da festa e o aparcadoiro de Figueroa, o asfaltado de viarios e acceso ao colexio de Carballedo, Dorna e os balnearios de San Xusto e para a depuradora para o tratamento de augas residuais urbanas en Paraños. Ademais, outros 59.902 € en liña 2 para financiar diversas actividades como un ciclo musical, un ciclo teatral, un obradoiro de memoria, a Festa de Cuspedriños ou a Festa do Petote, entre moitas outras e, finalmente, 200.242,24 € cos que Cerdedo-Cotobade pode contratar a 22 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, Cerdedo-Cotobade xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 97,4% do total do investimento que lle corresponde dentro do "Plan Concellos 2017", isto é, 878.670,48 € dun total de 900.000 €.