Noticias

O xurado de Novos Valores 2020 reúnese o vindeiro martes para seleccionar ás persoas gañadoras das bolsas de estudos

A exposición coas 21 pezas escollidas na primeira criba abrirase ao público no Sexto Edificio do Museo o vindeiro xoves 15


09 outubro 2020

O xurado de Novos Valores 2020 reunirase o vindeiro martes para seleccionar ás e ós gañadores das catro bolsas de estudos de 7.500 euros que entregará o Museo de Pontevedra a través da Deputación. As pezas premiadas elexiranse de entre as 21 presentadas e escollidas na primeira criba, e todas elas estarán expostas ao público dende o próximo xoves día 15 ata o 15 de novembro no Sexto Edificio.

Esta edición de Novos Valores incorporou moitas novidades con respecto ás anteriores anualidades.  As e os integrantes do comité seleccionador tiñan a posibilidade de elixir un máximo de 25 obras, que nun primeiro momento debían escoller tras unha inspección visual das fotografías presentadas nas memorias dos traballos. Finalmente elixíronse 21 de entre as 38 presentadas e agora, de maneira presencial e xa instaladas ‘en sala' serán escollidas as premiadas.

Outro punto novo, ademais do protocolo de selección,  foi a modificación das bases en canto aos requisitos das persoas candidatas, limitando a 35 anos a idade máxima permitida co fin de manter o espírito da convocatoria de premiar e promover o inicio da carreira artística.

O xurado desta edición está formado por Césár Mosquera como presidente, Carlos Cuadrado –secretario da Deputación- como secretario, e como vogais José Manuel Rey García, director do Museo Pontevedra; María Asunción Rodríguez Rodríguez, directora galería Trinta e Académica de Número da Real Academia Galega de Belas Artes na sección de Expertos en Artes; Itziar Ezquieta Llamas, artista plástica e docente na Universidade de Vigo; Carmen Hermo Sánchez, artista e docente; Agar Ledo Arias, historiadora da arte e investigadora, integrante do Departamento de Coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid; e o artista Alfonso Costa Beiro.

O listado das persoas participantes na mostra deste ano pode consultarse en https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2020/09/23/2020041497.