Noticias

O Xurado de Novos Valores 2016 manterá unha nova reunión o vindeiro xoves para escoller aos gañadores

Incorporouse ao concurso unha nova peza que fora rexistrada dentro do prazo oficial e que tardou en ser trasladada a Pontevedra dende Santiago.


22 jul 2016

O xurado de Novos Valores 2016 manterá unha nova reunión o vindeiro xoves para coñecer aos gañadores desta edición. A decisión tomouse despois de que se recibise a concurso unha nova obra que fora rexistrada dentro do prazo oficial en Santiago de Compostela, pero que tardou en ser trasladada ata Pontevedra para a súa incorporación ao certame. Así mesmo, o xurado tamén aproveitará o novo encontro para definir e concretar os criterios básicos que deben cumprir as catro bolsas de estudos artísticos (de 7.500 euros) que se concederán como premio.

Deste xeito, a Deputación de Pontevedra suma 120 obras para participar no certame de Novos Valores 2016. O xurado -formado polo deputado, así como pola vicedecana da Facultade de Belas Artes, Marina Susana Cendán; a galerista María Díaz Rey; os artistas Pedro Solveira Collazo e Francisco Pazos Martínez; o director do Museo, Carlos Valle; a técnico provincial de Xestión Cultural María del Carmen Baloira; e o xefe do Servizo de Cultura e Lingua, Antonio Santos, como secretario- comezou as súas deliberacións na mañá do pasado mércores. Debe realizar unha primeira escolma de aproximadamente 40 pezas que formarán parte da exposición e, entre elas, decidir catro gañadores, que poden ser de diferentes ou iguais disciplinas artísticas: pintura, escultura, fotografía, gravado, debuxo, deseño, vídeo e varios. Por motivos de axenda dos integrantes do comité seleccionador a nova reunión non se poderá facer antes do vindeiro xoves, motivo polo que se adía tamén o anuncio da resolución definitiva.

Os números avalan esta edición de Novos Valores como a do inicio da recuperación de participantes, que se mantivera baixa en anteriores exercicios. Neste ano o número de obras a concurso incrementouse con respecto a 2015, cando se presentaran 104 pezas. Segundo manifestara o deputado de Cultura, un dos motivos deste aumento está na recuperación da fórmula de apoio mediante unha bolsa de estudos similar á dos antigos pensionados -que xa se aplicara a partir de 1925 para promover as viaxes de estudos artísticos por parte do Museo de Pontevedra da man de Castelao-.

Os traballos seleccionados exporanse ao público nas salas de exposicións temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de conservación e Restauración de Bens Culturais entre o 4 de agosto e o 11 de setembro. Así mesmo, non se descarta a exhibición itinerante das pezas noutros lugares da provincia, xunto coa reprodución na páxina web do Museo de Pontevedra ou nun catálogo impreso como complemento da exposición. 


Novas relacionadas

Novos Valores

09 marzo 2017, museo, novos valores, concurso, certame, 2017, arte