Noticias

O ‘X Encontro de conservación e restauración' do Museo colga o cartel de completo

Os debates sobre como defender o patrimonio ante emerxencias e catástrofes naturais poderán seguirse en streaming a través de https://encontrorestauracion.depo.gal/


20 novembro 2021

O Museo de Pontevedra ten xa esgotadas as prazas para o ‘X Encontro de conservación e restauración' dos vindeiros 25 e 26 de novembro que este ano se centrarán na ‘Xestión de riscos e emerxencias no Patrimonio Cultural'. A pesares de que está colgado o cartel de completo para a asistencia presencial será posible seguir os relatorios en liña a través de https://encontrorestauracion.depo.gal/.

Nas xornadas analizaranse a través de persoas expertas de diferentes entidades de todo o Estado, catástrofes como a erupción do volcán de La Palma, o incendio de Nôtre Dame ou o terremoto de Lorca e temas como a utilización da intelixencia artificial aplicada aos plans de protección ou as actuacións básicas para rescatar bens de interese cultural.

Segundo explica a organización do certame, o 18 de marzo de 2015 foi referendado o ‘Marco para a Redución do Risco de Desastres 2015-2030' no seo da terceira Conferencia Mundial de Nacións Unidas celebrada en  Sendai (Xapón), que España subscribiu. Este documento, coñecido como ‘Marco de  Sendai', é extraordinariamente relevante para a xestión do patrimonio cultural porque é a primeira vez que este se identifica como un dos elementos para protexer do risco de desastres. Destácase, ademais, a necesidade de avaliar as perdas e o seu impacto sobre o patrimonio cultural, e exponse o investimento na súa protección como unha das claves para aumentar a  resiliencia social.

Ao longo das intervencións do  encontro, en liña cunha mirada globalizadora, exporase cal é o estado da cuestión en relación coa xestión de riscos e emerxencias que poden afectar o patrimonio cultural e a que escenarios hai que enfrontarse. Ademais, presentaranse algúns proxectos e solucións trazadas desde diferentes institucións que están a ser pioneiras na implementación dos seus plans de protección ante emerxencias.

Ver programa