Noticias

O Teatro Principal de Pontevedra acolle desde mañá o Encontro de Mulleres Columnistas, promovido pola Deputación e o Concello

Trece mulleres xornalistas de relevancia nacional participarán no encontro para, en palabras da presidenta da Deputación, "reivindicar o papel das mulleres xornalistas, que levan anos intentando derribar un teito de cristal nos medios de comunicación"


01 marzo 2018
Mulleres Columnistas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, inauguran mañá ás 12:30 horas, no Teatro Principal, o "Encontro de Mulleres Columnistas: as mulleres que opinan son perigosas" que concentrará en dous días a trece mulleres xornalistas de relevancia nacional.

O encontro, que arrancará mañá en Pontevedra, será un foro que reunirá a mulleres columnistas de diferentes xeracións e perfís, todas elas profesionais do xornalismo e da escritura que, a través de relatorios individuais, entrevistas e coloquios, reflexionarán nestes días sobre a realidade do xornalismo de opinión en España. Deste xeito, o "Encontro de Mulleres Columnistas: as mulleres que opinan son perigosas" servirá, tal e como destacou a presidenta da Deputación durante a presentación do programa, para "reivindicar o papel das mulleres xornalistas que levan anos intentando derribar un teito de cristal".

As trece columnistas que van participar no "Encontro de Mulleres Columnistas: as mulleres que opinan son perigosas", que suman medio millón de persoas seguidoras en Twitter, serán: Rosa Montero, Ana Pardo de Vera, Elisa Beni, Lucía Taboada, Marta García Aller, Celia Blanco, Ana Isabel Bernal Triviño, Anita Botwin, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, María Varela, Emma Gascó e Diana López Varela.

Durante a xornada de mañá, 2 de marzo, trala inauguración das 12:30 horas, terá lugar a conferencia de María Varela titulada "A opinión nos medios locais", ás 13:00 horas. Corenta e cinco minutos despois, Ana I. Bernal Triviño falará sobre "O perigo de opinar sendo muller. O acoso machista en redes". Xa pola tarde, ás 17:00 horas, Elisa Beni reflexionará sobre "A opinión en procesos xudiciais mediatizados"; ás 17:45 horas Marta García Aller abordará a "Economía na opinión. A fin do mundo tal e como o coñecemos"; ás 19:00 horas Diana López, Emma Gascó, Anita Botwin e Ana I. Bernal debaterán sobre "Sobrevivir escribindo opinión. O oficio de freelance". A última conferencia do día terá lugar a cargo de Rosa Montero e versará sobre "A opinión máis alá da actualidade. A lixeireza".

O sábado a xornada comezará ás 10:30 horas, coa benvida de Ana Pardo de Vera. Media hora máis tarde Fernanda Tabarés falará sobre a "Opinión na contraportada. A páxina máis cobizada" e ás 11:45 horas Inma López Silva fará o mesmo sobre "Escritoras que opinan. Do libro á prensa". A continuación, ás 13:00 horas, Lucía Taboada abordará cuestións relativas "Á opinión en tempos de millenials" e Diana López Varela sobre "A opinión desde o eu. Do blog á prensa", ás 13:45 horas. Pola tarde, ás 16:30 horas Emma Gascó falará sobre a "Opinión ilustrada. Mulleres que debuxan pensamentos"; ás 17:15 horas Anita Botwin dará a coñecer o que é "Escribir con dor. A diversidade funcional na axenda mediática"; ás 18:00 horas Celia Blanco ofrecerá unha conferencia sobre "Dentadas e tacóns. Mulleres opinando sobre sexo"; ás 19:00 horas "A maternidade na opinión mediática. Mulleres saíndo do lado escuro" será debatida por María Varela, Fernanda Tabarés, Inma López Silva e Celia Blanco; e rematará o encontro coa ponencia de Ana Pardo de Vera titulada "Mulleres que dirixen medios. Rompendo teitos de cristal".

O encontro "Mulleres columnistas: as mulleres que opinan son perigosas" xurdiu como resposta ao Congreso Capital do Columnismo que acolleu León e no que todos os seus participantes eran homes. Ante esta situación, formouse un gran alboroto nas redes sociais e finalmente os organizadores rectificaron, convidando só a cinco mulleres de 25 xornalistas que participaron no congreso. En outubro, cando tivo lugar o congreso, en Twitter foi "trending topic" #HayMujeresColumnistas, tratando de crear un congreso paralelo que mañá e o sábado se fará realidade en Pontevedra.

A entrada para todas as charlas do encontro será libre ata completar o aforo.