Noticias

O talento emprendedor do alumnado da provincia agroma na clausura do programa da Deputación "DepoEmprende na escola"

As 12 cooperativas creadas este ano rematan o programa cun vídeo no que se recollen todos os produtos "fabricados" durante o curso escolar


19 xuño 2021
DepoEmprende na escola

A sexta edición do programa "DepoEmprende na escola", impulsado pola Deputación de Pontevedra para promover a cultura emprendedora entre o alumnado de Primaria de todos os colexios públicos da provincia pechouse cun acto telemático no que os 12 centros participantes, a través das cooperativas creadas para a ocasión, presentaron os produtos elaborados de cara a súa comercialización e posterior doazón dos beneficios a entidades sociais sen ánimo de lucro.

No programa deste curso participaron a través da rede 333 alumnas e alumnos de 5.º e 6.º de Primaria dos colexios de Santo André de Xeve, A Xunqueira 1 e Centro de Educación Especial de Pontevedra; o Plurilingüe número 1, de Tui; o Serra-Vincios, de Gondomar; o Julia Becerra Malvar, de Ribadumia; o Plurilingüe de Cerdedo-Cotobade e o Plurilingüe Valadares, de Vigo. No acto de clausura os centros presentaron un vídeo resumo da actividade das súas cooperativas no que presentaron os produtos elaborados no programa, como chaveiros, marcapáxinas, xabóns e veas artesanais, peluches, xogos de 3 en raia, pulseiras, gardamáscaras, cuncas, bolsas, camisetas e figuriñas de lá, entre outros. Os ingresos pola venda solidaria dos produtos dalgunhas cooperativas irán a parar a organizacións como o Refuxio de Animais de Cambados ou as protectoras Os Palleiros e Cadeliños.

A dinámica do programa implicou como cada ano a creación e xestión dunha cooperativa escolar para introducir ao alumnado no proceso de posta en marcha dunha actividade empresarial e a adquisición de competencias profesionais, ofrecendo tamén recursos ao profesorado participante. Ao longo de todo o curso escolar o estudantado pasa así polo proceso de creación legal da cooperativa, incluíndo a obtención dun Número de Identificación Fiscal (NIF); a elección dos produtos a elaborar, buscando tamén financiamento para a produción e, finalmente, a venda e comercialización que, maioritariamente, faise nos propios centros escolares. Naceron así cooperativas como Feito con Corazón, KidiTui a man, Coopevincios, As Cores de Carballedo, Multishop ou Eco, entre outras, que este ano tiveron, ademais, que lanzar os seus produtos en plena pandemia, o que dificultou moitas das actividades típicas do programa "DepoEmprende", como o mercadiño final ("showroom") no que se expoñen e venden os produtos elaborados ao longo do ano.

Durante este curso tiveron lugar tamén os programas "DepoEmprende na ESO", cun total de 339 alumnas e alumnos de 27 centros da provincia e "DepoEmprende na FP", con outros 29 centros e 719 estudantes adheridos. "DepoEmprende", coas súas tres modalidades (na escola, na ESO e na FP) naceu no ano 2016 co obxectivo de levar a cultura emprendedora a diferentes etapas do ensino. Desde a súa creación logrou a participación dun total de 2.680 alumnas e alumnos que cursaban estudos en 104 centros educativos de toda a provincia.