Noticias

O simposio sobre o patrimonio musical galego reúne no Museo a historiadores e investigadores especializados nesta materia

'Redes de contacto entre músicos, literatos e ideólogos na Galicia do Eixe Atlántico" está organizado pola USC e, durante tres xornadas, analizará a historia da música entre 1875 e 1951 e as relacións con outras disciplinas artísticas


01 dec 2016
patrimonio musical galego
simposio patrimonio musical

'Redes de Contacto entre músicos, literatos e ideólogos na Galicia do Eixe Atlántico' é o título do simposio que está a reunir no Museo de Pontevedra aos historiadores e investigadores galegos en materia de patrimonio musical. O simposio abrangue a etapa cronolóxica comprendida entre 1875 e 1951 e abordará a historia musical galega en relación coa contorna cultural do momento, en sesións e mesas de debate que terán lugar ata o vindeiro sábado. A presentación tivo lugar esta mañá e contou coa presenza do deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, do director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, do profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Villanueva, e do profesor da Universidad Complutense de Madrid, Emilio Casares.

O deputado, encargado de dar a benvida a poñentes e participantes, puxo o acento en que "nesa etapa produciuse a creación dunha conciencia propia tanto no mundo da música como noutras disciplinas", e mencionou especialmente "a fundación das Irmandades da Fala, que tiveron un papel moi importante neste campo ata o alzamento fascista, que cortou de raíz todas as expectativas creadas ata aquel momento". Tamén agradeceu á organización que elixise o Sexto Edificio do Museo para a celebración deste congreso, un agradecemento ao que se sumou o director da institución. Carlos Valle salientou, entre outros aspectos, a súa confianza en que "destes encontros vai saír ciencia e novidades que van facer que saiamosdaquí máis orgullosos aínda de vivir onde vivimos", en referencia á riqueza musical do país na época mencionada.

Pola súa banda, o profesor Carlos Villanueva reivindicou "a necesidade absoluta de recuperar o noso patrimonio musical, porque recuperouse moito noutras materias pero de música sabemos moi pouco". Villanueva asegurou que "levantar este patrimonio, recuperalo e dalo a coñecer dálle a este congreso unha relevancia de primeira orde".

'Redes de Contacto entre músicos, literatos e ideólogos na Galicia do Eixe Atlántico (1875-1951)' contará con relatorios que abordarán temas como 'A fonoteca de Gonzalo Torrente Ballester', 'A Coruña e Santiago de Compostela, eixes urbanos de actividade musical e teatral', 'A música galega na prensa: do folclore á identidade', ou 'Da igrexa ao salón: unha crónica compostelá desde o Concordato ao Motu Propio'. O relatorio inaugural correu a cargo do profesor Emilio Casares baixo o título "En torno ao noso legado lírico. Claves para unha recuperación".