Noticias

O servizo de teleasistencia da Deputación realizou máis de 700 actuacións durante o estado de alarma

Ata o momento, o programa rexistrou arredor de 20 novas altas, realizou 600 chamadas para a prevención de estafas e atendeu unhas 20 persoas que solicitaron axuda en compras, xestións ou reparacións no domicilio


19 abril 2020
Teleasistencia domiciliaria

O servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra realizou máis de 700 actuacións e rexistrou arredor de de 20 novas altas desde o comezo do estado de alarma. Trátase dun servizo máis esencial que nunca e que se viu reforzado, debido á situación derivada pola COVID-19, para prestarlles especial atención ás máis de 650 persoas beneficiarias de 46 concellos da provincia.

En concreto, desde o 14 de marzo, realizáronse ao redor de 600 chamadas para a prevención de estafas e atendeuse unhas 20 persoas que solicitaron axuda en compras, xestións ou reparacións no domicilio. Ademais, tamén se lles fixo un seguimento especial a máis de 110 persoas por vulnerabilidade e a 5 persoas por sospeita ou confirmación de COVID-19. Neste eido, lembramos que, durante o estado de alarma, a Deputación intensifica os seguimentos telefónicos das máis de 120 persoas que non contan con apoio familiar ou social e tamén está a estudar novas medidas dirixidas ás persoas que están soas nun momento tan delicado coma este. No caso do resto das persoas usuarias tamén se está a intensificar o seguimento, reducindo os prazos de quince días a unha semana.

Ademais das actuacións relacionadas coa atención telefónica das persoas usuarias, o servizo de teleasistencia comprende outras actividades que completan a citada atención. Trátase da prestación de axuda en compras ou outras xestións, as reparacións en domicilio ou a campaña de prevención de timos e estafas. O servizo de teleasistencia domiciliaria permítelles ás persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida. Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón dáselles resposta inmediata ás persoas usuarias, as 24 horas ao día e os 365 días do ano, mobilizando os recursos necesarios para solucionar a incidencia.