Noticias

O Servizo de Patrimonio da Deputación traballa na renovación da súa páxina web, que incluirá un novo apartado de memoria histórica

O novo portal dividirase en seis seccións para explicar o traballo nas áreas de Arquivo, Biblioteca, Audiovisual, Cartoteca, Editorial e Memoria Histórica


01 maio 2020
Web do Arquivo

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, xunto co equipo de Novas Tecnoloxías, está a finalizar o traballo de renovación da súa páxina web oficial. O portal terá seis seccións que explicarán o traballo das áreas de Arquivo, Biblioteca, Audiovisual, Cartoteca, Editorial e, como novidade, un apartado destinado á Memoria Histórica, un dos eixes de Goberno que se queren potenciar neste mandato.

Segundo explica a deputada responsable de Patrimonio, María Ortega, a renovación da páxina actual (arquivos.depo.gal) era moi necesaria, xa que a súa estrutura non permitía poñer en valor o inxente traballo realizado no departamento. O obxectivo é que nas vindeiras semanas a web poida estar xa aberta ao público e así facilitarlle o acceso a milleiros de referencias, recursos e catálogos dunha maneira moito máis intuitiva e visual, con apartados para destacar novidades e aspectos relevantes para as persoas usuarias.

"Estamos nun momento, co confinamento debido á emerxencia sanitaria, no que se multiplicaron as visitas á nosa web. Entendemos que os contidos e as novidades que imos describindo están a ter moi boa acollida, polo que, a pesares de que se leva traballando na web moitos meses, é o momento no que tamén se debe dar un pulo e darlle unha nova aparencia e estrutura máis acaída cos tempos actuais", remarcou a deputada nacionalista. Esta nova páxina, de feito, servirá de complemento ao recentemente estreado buscador ATOPO, que reúne os fondos documentais, bibliográficos, cartográficos e audiovisuais do Arquivo Provincial, o Museo e outras institucións municipais e entidades da provincia.

Ademais do desenvolvemento informático, como principais impulsoras e impulsores dos contidos das seccións na web están a traballar dúas persoas responsables do departamento de Documental (José Luis Castro como responsable do Arquivo central e Lourdes Pérez-Santamarina como responsable dos Arquivos municipais) e tres persoas do departamento bibliográfico (Ernesto Trabazo como responsable da Biblioteca, José Cumbraos do departamento gráfico-sonoro de Audiovisuais e Beatriz de la Cruz da Cartoteca). A este persoal úneselle o que traballa no ámbito da Editorial, baixo a supervisión da Xefa de Servizo, Ana Vicente, e da deputada María Ortega. Nos últimos días estanse a realizar reunións telemáticas para pulir as cuestións pendentes.

Como novidade, incorporarase un apartado de Memoria Histórica que non existía ata o momento na web dos arquivos e no que se darán a coñecer os programas desenvoltos e previstos pola Deputación para este mandato. Así, incluiranse audiovisuais, galerías fotográficas e documentacións relativas a actividades desenvolvidas coma a exposición "Rexas. Mulleres baixo o terror franquista" ou relativas a xornadas coma "Na loita contra a impunidade", organizadas en novembro do ano pasado. Tamén haberá un apartado de recursos no que se incorporarán mapas e directorios das asociacións de memoria histórica da provincia, páxinas web, ligazóns de interese, lexislación e normativa aplicable, así como un apartado específico para o traballo realizado sobre "A xeración perdida"; unha base de datos de concelleiros das corporacións republicanas que se viron afectadas polo alzamento fascista.

Artigo sobre os maios

Como é habitual, e de maneira máis periódica nesta corentena, o persoal do Servizo de Patrimonio publicou un artigo na súa web, hoxe dedicado á festa dos maios, no que lembran as verbas sobre o seu simbolismo e significación do etnógrafo e historiador Clodio González Pérez en A festa dos maios en Galicia. Unha aproximación histórico-antropolóxica ó Ciclo de Maio, editado polo Servizo de Publicacións da Deputación en 1989.

Ese, explican desde o departamento, xunto con outros coma Os maios: unha festa antiga e universal, A festa dos maios en Pontevedra, A festa dos maios no concello de Vilagarcía, A festa dos maios de Marín, A illa de Ons e os maios…, son só algúns dos títulos sobre esta festividade existentes na biblioteca do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, que, ademais, conta na súa sección audiovisual con abundantes documentos gráficos sobre esta celebración.

Ademais de animar a consultar unha selección desas referencias bibliográficas (dispoñibles na modalidade de préstamo e consulta) tan pronto como se renove a actividade presencial, o persoal do servizo convida a visualizar directamente algúns documentos gráficos que recollen instantáneas da celebración da festa dos maios en Pontevedra na década dos 60 nunha ligazón dispoñible no propio artigo.