Noticias

O servizo de Asistencia Intermunicipal fixo máis de 250 informes para concellos da provincia

A presidenta provincial, Carmela Silva cualificou o SAIM como "un servizo fundamental para os concellos de menos de vinte mil habitantes que hai que poñer en valor"


25 marzo 2017
Carmela Silva

O Servizo de Asistencia Intermunicipal  (SAIM) da Deputación de Pontevedra fixo máis de 250 informes de asesoramento en diversas materias para os concellos da provincia. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva,  subliñou na presentación do balance do SAIM que un dos obxectivos deste goberno provincial é prestar asistencia e cooperación, ben xurídica, económica ou técnica, aos concellos ,"que ademais é unhas das nosas competencias".

Silva destacou que desde que chegou ao Goberno "apostamos por impulsar un servizo que ata o momento estaba dotado de escasos recursos económicos e humanos, como é o de Asistencia Intermunicipal e que agora está dando os seus froitos, o que demostra  o necesario que é que existan organismos intermedios que apoien, faciliten e axuden aos pequenos concellos non só con achegas para levar a cabo grandes investimentos senón tamén nas tarefas diarias de xestión e administración, xurídicas, técnicas ou de tramitación".

Segundo a presidenta o SAIM  realizou o ano pasado 124 informes de Asesoramento xurídico-administrativo aos concellos (sobre persoal, urbanismo, procedemento administrativo, facendas locais, bens, organización, subvencións, medio ambiente, expedientes de contratación, etc.). E outros 121 informes e documentos  dando soporte administrativo (pregos para expedientes de contratación, modelos de ordenanzas e bandos, bases de procesos selectivos, expedientes disciplinarios, circulares e notas informativas, nomeamento de funcionarios da Deputación para participar en tribunais de procesos selectivos dos concellos da provincia, etc.).

Ademais, o SAIM participou en ciclos formativos con cinco cursos para 80 funcionarios e funcionarias e na tramitación administrativa de diversos convenios administrativos  coas universidades e os concellos.

Silva concluíu que se trata "dun servizo fundamental que, sobre todo, lles presta atención aos concellos de menos de vinte mil habitantes".