Noticias

O servizo de apoio psicolóxico á veciñanza de Salceda de Caselas cumpre un ano co apoio da Deputación

A atención realízase cunha psicóloga e unha traballadora social, que atenden a preto de medio cento de persoas, boa parte delas menores


14 setembro 2021
Servizo de apoio psicolóxico a veciñanza

O Gabinete de Atención Psicolóxica á veciñanza de Salceda de Caselas cumpriu un ano despois de ser creado polo Concello en xullo de 2020 co apoio económico da Deputación. O deputado Santos Héctor, acompañado da alcaldesa, Verónica Tourón, visitou hoxe as instalacións que o servizo estreou no Centro municipal de Servizos Sociais na rúa Coruña. Na visita participaron tamén a tenente de alcalde, Loli Castiñeira; a concelleira Gela Ledo e a psicóloga e a traballadora social do gabinete.

O proxecto supuxo un investimento de 10.925 euros financiados a través do Plan Concellos e permitiu dar resposta á necesidade dun servizo de apoio psicolóxico para a veciñanza, ademais de poñer en marcha unha escola de familias para o apoio na educación de crianzas e adolescentes. Ademais, o Gabinete ocupouse de realizar un labor preventivo en saúde mental a través de charlas informativas para a poboación en xeral e o alumnado. O novo servizo naceu desde a coordinación a partir con outros servizos municipais e a partir doutros programas anteriores como o Gabinete de Atención Temperá, o programa "Cultiva a mente" e o II Plan municipal de igualdade. A día de hoxe conta con 49 persoas usuarias, das que a metade son menores.

A acollida das persoas usuarias no servizo de apoio psicolóxico realízase a partir da derivación por parte do profesional de referencia. Durante a pandemia logrouse manter a prestación e habilitouse a posibilidade de solicitude telemática. En canto ás escolas de familia funcionaron en coordinación cos centros escolares e de xeito grupal. Finalmente, as charlas, terceiro eixe da actividade do Gabinete, abordaron temas como os hábitos de vida saudables, a prevención das drogodependencias e outras condutas aditivas, prevención do acoso escolar, do suicidio e outras temáticas de interese.

O apoio da Deputación permitiu, ademais da posta en marcha, a dotación dos medios necesarios, como o equipamento informático, teléfonos móbiles e material básico de oficina. O Concello, pola súa banda, achegou o local. A xestión realizouse en colaboración coa asociación Avelaíña, que xa viña traballando neste eido. O horario de atención ao público cinguiuse ás mañás dos luns e tardes dos xoves para a atención psicolóxica, con periodicidade quincenal e en horario de tarde para a escola de familias e as charlas informativas con previa demanda. O Concello de Salceda xa tiña detectado a conveniencia de prestar este servizo de xeito integral para toda a veciñanza, pero a decisión reforzouse a partir da pandemia.

O Gabinete de Atención Psicolóxica foi financiado a través da Liña 2 do Plan Concellos, destinada ao gasto derivado de realización de actividades culturais, sociais, deportivas ou turísticas, aínda que tamén permite cubrir débedas municipais con provedores ou entidades financeiras, e, ademais, o financiamento de liñas de axudas municipais para axudar aos sectores afectados pola pandemia. Durante o ano pasado, a Liña 2 permitiu financiar 164 iniciativas municipais por un importe próximo aos 2,8 millóns de euros, das que 109 se corresponderon con actividades culturais, sociais ou deportivas.