Noticias

O Salnés acolle en xuño sete novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro de SmartPeme

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, ás autónomas e ás pemes da provincia


04 xuño 2018
SmartPeme Cambados

O Centro Exposalnés de Cambados acollerá durante todo o mes de xuño sete novos obradoiros ao abeiro de SmartPeme, o programa de capacitación tecnolóxica impulsado pola Deputación de Pontevedra. SmartPeme oferta ás persoas emprendedoras e ás pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos. O punto do Centro Exposalnés presta asistencia ao empresariado das comarcas do Salnés e de Caldas.

As quendas para o mes de xuño son as seguintes: o martes 5 de xuño ás 19 horas, Unifica a Xestión das túas Redes con Hootsuite. O xoves 7 de xuño, tamén ás 19 horas, Como Ser Eficiente na Organización do teu Tempo: Trello e Toggl. O martes 12, á mesma hora, realizarase a acción Parte Práctica da Lei de Protección de Datos 2018, RGPD Europeo, a cal contará cunha retransmisión en vivo. O xoves desa mesma semana, o día 14 á mesma hora, será a quenda de Marketing de Contidos: Como Xerar unha Estratexia Efectiva. O martes 19 de xuño ás 19 horas chega Google Calendar, Moito Máis que unha Axenda. O xoves desa mesma semana, á mesma hora, é a quenda de Crea o teu Propio Logotipo con Canva. Por último, Desenvolve a túa Propia Estratexia de Email Marketing chegará o martes 26 de xuño ás 19 horas. A oficina SmartPeme de Cambados, no Centro Exposalnés, atópase no Paseo da Calzada, s/n, e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo-e info.smartpeme@depo.es ou en www.smartpeme.depo.gal.

SmartPeme desenvolve este ano novas carteiras de servizos co obxectivo de continuar axudando ás empresas da provincia a ser máis competitivas no contorno económico actual. O programa abre tres novas grandes liñas: o Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), no viveiro de empresas de Barro, SmartPeme Impulsa e TurisTIC.

A través do Centro Provincial de Economía Dixital as empresas, persoas autónomas e emprendedoras da provincia poderán coñecer as ferramentas, aplicacións e solucións innovadoras máis relevantes da economía dixital. Para iso, o CPED vaise apoiar nas instalacións do FabLab que a Deputación ten instalado no viveiro de Barro, co obxectivo de posicionarse na vangarda da innovación ao servizo das empresas.

SmartPeme Impulsa abre novas vías de asesoramento en materia de innovación, competitividade e internacionalización unindo, deste xeito, os obxectivos das empresas coas máis novas tecnoloxías, procesos e servizos, e preparando ás empresas locais para competir nos mercados internacionais.

Finalmente TurisTIC erixirase como o punto de apoio do sector turístico. Este servizo, enmarcado no Plan estratéxico de Turismo Rías Baixas, pretende potenciar o sector a través de axudas ás empresas para adaptarse á contorna dixital, cun enfoque específico para cada colectivo. Adicionalmente, esta liña de SmartPeme contará con algunhas iniciativas innovadoras como serán a creación dunha aceleradora para empresas TIC relacionadas co sector turístico e a creación dun congreso sobre o impacto das novas tecnoloxías no sector.