Noticias

O Rosal inviste máis de 7.500 € do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra no subministro dunha bomba centrífuga

O grao de adxudicación do Plan Concellos 2018 a O Rosal sitúase nun 45,2 %, representando un investimento na vila de 435.062,08 €


10 xullo 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, mediante resolución presidencial, un novo investimento no concello de O Rosal ao abeiro da liña 1 do Plan de Concellos 2018. Trátase esta vez dunha axuda de 7.502 euros para o subministro dunha bomba centrífuga para o rego do campo de fútbol.

Ademais destas cantidades, o Plan Concellos xa adxudicou anteriormente varias axudas para o concello. En concreto, 246.821,92 euros na liña 1 para a mellora e reparación do auditorio municipal, a adquisición de material para a Feira do Viño, para novos espazos recreativos no parque de Pías, para a adquisición de mobiliario para edificios municipais e o equipamento informático da biblioteca municipal.

Ademais, a Deputación de Pontevedra adxudicou 53.377,33 € na liña 2 para o financiamento da Feira do Viño, da Mostra da Camelia, o campamento de verán, a festa popular do Pilar, a festa de O Cabaqueiro, o campamento de inglés, a Festa do Mirabel e outro gasto corrente novo. E tamén, outros 127.360,83 € foron destinados á contratación de 15 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 do Plan de Concellos 2018.

Ata este momento, o Plan Concellos 2018 xa entregou 435.062,08 € do total destinado a O Rosal, isto é, o 45,2 %.