Noticias

O Rosal financiará co Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra a adquisición dun novo vehículo para a recollida de lixo

O primeiro investimento deste ano para O Rosal é unha achega de 142.000 euros que o Goberno de Carmela Silva aprobará o próximo luns


22 xaneiro 2019
Plan Concellos 2019

O deputado de Cooperación, Carlos Font, informou da aprobación o próximo luns, pola Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra, do primeiro investimento para O Rosal con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, serán 142.000 euros para financiar a adquisición dun vehículo para a recollida de lixo. Neste ano 2019, ao abeiro do Plan Concellos, o Goberno provincial pon á disposición do Rosal un total de 583.312,29 euros, un 3,11 % máis que no 2018.

A través da liña 1 -Investimentos- as achegas da Deputación de Pontevedra coas que conta o Concello do Rosal para este ano ascenden a 403.555,67 euros. Para a liña 2 -amortizacións e débedas-, o concello do Baixo Miño ten á súa disposición 52.129,42 euros. Para a liña 3 -emprego- a partida económica para O Rosal é de 127.627,20 euros coa que o Concello pode financiar a contratación de 12 traballadoras e traballadores.

A través do Plan Concellos 2019, a Deputación de Pontevedra pon á disposición dos 59 municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia, un total de case 43,5 millóns de euros, o que supón un 3,3 % máis que en 2018.