Noticias

O río Miño presenta a súa candidatura aos fondos europeos para investir 7,5 millóns de euros no territorio transfronteirizo

O deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, destaca a necesidade de unión dos gobernos da "raia" para converter o Miño "nun destino ecoturístico de excelencia"


22 xan 2016

O río Miño debe ser un destino ecoturístico de excelencia e darase a coñecer a partir de agora desde unha marca turística transfronteiriza única. Esa é a proposta da candidatura presentada polos concellos da "raia" a través da Deputación de Pontevedra e da CIM Alto Minho portuguesa á primeira convocatoria europea do programa INTERREG V A-POCTEP. Preténdense investir máis de 7,5 millóns de euros de fondos da UE para traballar na posta en valor da área de forma conxunta entre as administracións locais de ambos os países.

O prazo de entrega das candidaturas ao programa INTERREG V A finaliza hoxe venres, se ben todas as accións concretas da proposta galego portuguesa "Visit Río Miño" (como se denomina oficialmente) serán presentadas ao público o vindeiro 13 de febreiro nun acto cargado de simboloxía. Esta data foi escollida por ser o aniversario da firma do Tratado de Lisboa de 1668, que puxo fin á guerra de separación de Portugal e recoñeceu a independencia do país veciño fronte á coroa española. "Hai moitos anos, un día como o 13 de febreiro, houbo unha separación, mais hoxe en día os concellos da raia estamos a traballar conxuntamente para mellorar todas as nosas potencialidades ", asegurou o deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez. Así mesmo, sinalou que "a cooperación transfronteiriza neste territorio non é unha cuestión de necesidade, senón unha condición natural para o seu desenvolvemento socioeconómico e un dos piares do seu posicionamento estratéxico". 

Obxectivo: o turismo internacional

Dentro do concepto "dous países e un destino", e seguindo a premisa de que o val do Miño transfronteirizo incorpora moitas potencialidades, o proxecto presentado pretende traballar a partir dunha marca (Río Miño) forte e competitiva, e estruturar unha oferta turística a través de actividades conxuntas que, ademais, implicarán unha maior preservación dos espazos naturais.
Na candidatura o río Miño transfronteirizo é presentado como un dos territorios máis interesantes a nivel europeo por ser a zona de fronteira con maior porcentaxe de área protexida e clasificada en todo o territorio estatal, así como tamén unha das maiores de Europa. Sublíñase que o río Miño está bastante consolidado no mercado nacional como destino, se ben o desafío que agora se presenta é "ser capaces de achegar un valor engadido a nivel internacional".

Accións específicas ata 2019
Esta candidatura desenvólvese en catro actividades complementarias con accións específicas que se executarán ata o 31 de decembro de 2019. O investimento global de todas as actuacións concretas ascende aos 7,5 millóns de euros, cunha achega do 75 % de fondos comunitarios. 

O fundamental da proposta para o INTERREG é estruturar e consolidar a marca "Río Miño" a través da elaboración dun plan estratéxico de márketing territorial. Isto executarase en primeiro lugar na defensa do proceso de candidatura do estuario do río Miño a paisaxe cultural UNESCO con eventos de promoción interna e externa.

A segunda actividade versará sobre a preservación e interpretación do patrimonio natural transfronteirizo tratando de mellorar o seu coñecemento, os recursos naturais e os novos modelos de turismo verde na rede de espazos naturais tanto de montaña coma de río.

En terceiro lugar sitúase a valorización conxunta dos recursos económicos do río Miño. Procurarase o desenvolvemento do produto turístico transfronteirizo baseado no patrimonio natural e cultural, a posta en valor do produto da pesca e a creación de estruturas de apoio ás actividades promovidas polas empresas de animación.

Por último, traballarase na cualificación e posta en valor da rede de percorridos transfronteirizos a través de modelos de sinalización de rutas transfronteirizas e de pequenas intervencións co obxectivo de vertebrar o espazo común e a rehabilitación do patrimonio natural e cultural do río Miño.
Unimiño, entidade encargada de coordinar a proposta da candidatura, ten como socios á Deputación de Pontevedra (representante dos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo e Crecente), así como á CIM Alto Minho (cos municipios de Paredes de Coura, Melgaço, Vila Nova de Cerveira, Valença, Monção e Camiña), á Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, ao Centro Tecnolóxico do Mar e á Universidade de Vigo. 

O reaproveitamento e a valorización do río Miño é un tema que, desde hai xa varios anos, suscita a preocupación e o interese de diversas entidades de Galiza e o norte de Portugal e que levou, o 10 de marzo de 2015, á subscrición do Pacto do Río Miño Transfronteiriço. Segundo Uxío Benítez "a presentación da candidatura Visit Río Miño xorde como reforzo e concreción dun conxunto de vontades dinamizadoras, entre as que está a da Deputación de Pontevedra, cun denominador común que é o treito internacional do río Miño".