Noticias

O proxecto da Deputación para a mellora integral da rúa Concepción Arenal na Guarda transformará a estrada nun espazo para as persoas

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que se creará unha grande praza na fronte do convento e igrexa de San Bieito e se reformulará a praza de Avelino Vicente, recuperando o espazo actual coa eliminación de aparcamentos


01 decembro 2017
Mapa Concepción Arenal

O proxecto de mellora integral elaborado pola Deputación de Pontevedra para a rúa Concepción Arenal na Guarda dará prioridade ás persoas. Segundo indica o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, a actuación pretende recuperar o espazo público para veciñas e veciños e fomentar un modelo de convivencia co tránsito rodado, sempre coa filosofía de que a circulación peonil debe ser a principal. En calquera caso, o deseño e características da vía permitirán que, só de xeito provisional, poidan circular por ela "as necesidades de tráfico hoxe demandadas" con velocidades máximas de 30 quilómetros por hora.

Segundo dixo o nacionalista, a intención deste deseño para Concepción Arenal é seguir as indicacións do Plan de Mobilidade redactado pola Deputación e presentado en febreiro deste ano, e facilitar e promover os tránsitos peonís cara ao porto, que a día de hoxe se ven constrinxidos polo fluxo de tráfico rodado e a existencia de beirarrúas mínimas, en mal estado, e con nula accesibilidade.

Benítez lembrou que a Deputación ten xa deseñado un estudo de trazados alternativos de acceso ao porto para o tráfico pesado, o que permitirá liberar de vehículos a actual estrada provincial, que deberá cambiar a súa tipoloxía cara a unha vía máis urbana e amable para os veciños e veciñas da Guarda. "Concepción Arenal concibiuse como unha estrada de acceso ao porto, e agora é a rúa que estrutura o espazo público da Guarda, cunha grande actividade comercial. Cómpre transformala nun exemplo de espazo público para as persoas que fomente a mobilidade peonil e ciclista", asegurou o deputado.

Así mesmo, o nacionalista destacou que "urxe que a Xunta de Galicia faga un novo acceso para o tránsito de vehículos pesados ao porto", lembrando que é unha competencia do Goberno galego mellorar tamén os accesos á área portuaria da Guarda igual que se fixo noutros municipios. "Non é normal que en 30 anos non se mellorase o acceso ao porto nesta vila", dixo, para engadir que a Deputación remitiu hoxe ao concello a documentación sobre os trazados alternativos posibles, que será presentada publicamente nas vindeiras semanas.

Espazo de calidade nunha reforma integral

A proposta provincial consiste na reforma integral dun treito de 590 metros da estrada EP-3401 de acceso ao porto, desde a intersección coa PO-552 ata a contorna de igrexa e hotel convento de San Bieito. O proxecto resólvese nunha plataforma única co mesmo nivel para beirarrúas e tráfico rodado, xogando con diferentes materiais e texturas para os pavimentos.

Na actuación inclúese a creación dunha grande praza na fronte do convento de San Bieito, onde se propoñen dúas zonas de lecer, a adecuación dos xogos infantís existentes e a mellora da zona de acceso á igrexa, así como un novo tratamento para a praza de Avelino Vicente. En ambos casos o criterio será a eliminación dos aparcamentos existentes e a recuperación da maior cantidade de superficie como espazo público para a cidadanía.

A maiores, o proxecto inclúe melloras en diferentes servizos urbanos (abastecemento de auga, saneamento, instalación da rede de gas, novo alumeado, xardinería, mobiliario urbano e sinalización para toda a zona de actuación). O importe total ascende a 1.598.755,98 euros que se financiarán ao 70 % por parte da Deputación de Pontevedra e ao 30 % por parte do concello, segundo se establece no convenio que ambas institucións asinarán en vindeiras datas e que foi aprobado hoxe en Xunta de Goberno. O prazo de execución das obras será de oito meses logo de que se adxudiquen os traballos e se asine a acta de reformulación. Unha vez rematada a actuación, a estrada será transferida ao concello.

Dous treitos diferenciados

O proxecto para Concepción Arenal divídese en dous treitos diferenciados. O primeiro vai desde o cruzamento coa rúa Enrique María Sesto ata o hotel convento de San Bieito e pretende consolidar a vía para un uso mixto onde convivan o tráfico e a circulación peonil, transformando o espazo do convento, potenciando as súas características monumentais e aproveitando o espazo público existente.

Na intersección coa rúa Praza de San Bieito proponse unha área de descanso e reunión a ámbolos dous lados da mesma, cun espazo verde con árbores e bancos e, do outro lado, unha pérgola con rubideiras vexetais acompañada tamén de bancos. A rúa resólvese nun mesmo nivel e xógase cos materiais e texturas, de forma que a parte estritamente peonil levará lousa e a parte rodada unha base de formigón negro grafito con bandas transversais.

Ao chegar á igrexa producirase un cambio na conformación do solado, cunha maior presenza de pedra arredor das construcións relixiosas, que pasarán a ser o elemento que domina o ámbito. Incorpóranse ao espazo público a zona de acceso aos edificios mencionados, a entrada á casa do pescador, e a zona de xogos. Crearanse elementos singulares de formigón que funcionarán como mobiliario urbano en forma de ‘engurras' sobre o chan. Estes axudarán a diferenciar as zonas de circulación e conterán a zona de xogos, marcando dúas áreas claras.

A segunda zona do proxecto de Concepción Arenal vai desde o cruzamento coa PO-552 ata a rúa Enrique María Sesto, e inclúe o tratamento da praza Avelino Vicente. Os criterios a seguir serán os mesmos que na anterior zona: un único nivel con diferentes materiais para os pavimentos e elementos de formigón a modo de mobiliario urbano.

A praza consolidarase arredor do monumento existente con dúas áreas de descanso diferenciadas: unha delas en forma lonxitudinal sobre unha das dúas fachadas acompañada de árbores e zonas de lecer, e a outra área disposta arredor dun dos elementos de formigón, con bancos e zonas verdes.

Cambiar dinámicas

Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, manifestou que Concepción Arenal pasará a ser unha rúa moito máis accesible e, sobre todo, "incorporará dous espazos que mellorarán moito a zona de Avelino Vicente e do convento de San Bieito. Esas dúas zonas permitirán o goce do espazo público por parte da veciñanza e cremos que permitirán un cambio de dinámica porque agora son un aparcadoiro de coches: a partir da reforma integral serán máis cómodos e terán máis calidade para o seu uso".

Finalmente, o deputado Uxío Benítez quixo lembrar que a actuación do actual Goberno provincial para Concepción Arenal supón unha obra integral cunha filosofía clara de apostar polas persoas. Neste sentido, lembrou que a única actuación que a Deputación fixera nesta estrada remóntase aos anos 2005 e 2006 cando se actuou apenas nun treito da rúa para construír beirarrúas de 1,5 metros de largo cun orzamento que apenas superaba os 400.000 euros . "Nunca houbo unha obra cunha concepción integral e unha formulación seria. O único que fixo o PP na Guarda foron anacos de beirarrúas", sentenciou en relación ás últimas críticas.

Fotos