Noticias

O proxecto "Ágora", incluído na revista ‘Thinking Cities' como modelo de seguranza viaria a seguir na UE

A publicación, editada pola Rede europea para innovación no transporte ‘POLIS', define Pontevedra como "a provincia das persoas primeiro"


19 xullo 2021

Suma e segue. O proxecto "Ágora" de recuperación de espazo público da Deputación de Pontevedra, logo de ser premiado co galardón Bikefriendly e recoñecido como aliñado coa Nova Bauhaus Europea, acaba de ser de novo aplaudido internacionalmente. Nesta ocasión foi seleccionado como protagonista da edición especial da revista Thinking Cities titulado ‘Inside Urbanism Next Europe 2021' editada por ‘POLIS', a Rede Europea Para a Innovación no Transporte.

O proxecto "Ágora" é o eixe central dunha reportaxe titulada ‘A provincia das persoas primeiro', na que falan "dunha profecía saudable" e explican que despois de lograr unha cidade-capital "con espazos públicos de primeiro nivel, a provincia de Pontevedra está a desenvolver un programa pioneiro para ampliar as boas prácticas ao seu territorio", unha tarefa que cualifican como non sinxela para pasar a explicar como converter "as perigosas estradas rurais en seguras para a vida da comunidade" grazas ao modelo "Ágora".

Na reportaxe explican que no centro do programa "Ágora" está unha "poderosa idea: construír unha rede permanente de municipios comprometidos en recuperar o espazo público como dereito fundamental da cidadanía. Para deixar iso claro a quen reflexiona sobre o desafío e para guiar as accións dos que se unen, explican que o Departamento de Mobilidade, con Uxío Benítez á fronte, pon por diante os dez principios "Ágora" e aposta por un esforzo verdadeiramente conxunto cos concellos para crear espazos urbanos construídos arredor do benestar e seguridade da cidadanía.

Así mesmo, tamén se recolle que para animar a persoal político e funcionario no desafío o programa inclúe axudas económicas para o desenvolvemento de proxectos, a Facultade "Ágora", así como un consello consultivo de persoas expertas aínda por crear.

"Non é un concurso de beleza"

Insisten na revista Thinking Cities en que "Ágora" non é "un concurso de beleza" nin un programa de "embelecemento" do espazo público de cidades e vilas, senón que céntrase en primeiro lugar en devolver espazo público á cidadanía o que implica reducir límites de velocidade, cambiar fluxos de tráfico e establecer alternativas viables aos coches privados mellorando a infraestrutura peonil e ciclista priorizando alternativas e opcións de transporte máis sustentables.

"En definitiva, -apuntan- trátase dunha completa reimaxinación do espazo urbano e das estradas rurais. Un onde o dereito de paso público non é simplemente unha canle para que os coches viaxen da A á B, senón un espazo seguro e comunitario que permita unha diversa gama de movemento e vida social".

Destacan que "cando se trata de seguridade, compartir realmente é preocupante" e salientan que o proxecto "Ágora" tipifica o beneficio do intercambio e colaboración entre pares traballando coas rexións circundantes dando unha resposta para toda a provincia aos retos da seguridade viaria. "Estes modelos de colaboración están no máis alto da axenda do traballo de POLIS en seguridade viaria", insisten.

A reportaxe pecha cun clarificador parágrafo: "Desde Pontevedra (a cidade) ata Pontevedra (a provincia), o progreso está en camiño. E seguindo os pasos dunha cidade profética, toda unha provincia está a piques de amosar que o vello dito bíblico non se aplica en todas partes, ou polo menos, non en Galicia".

A sección na que se inclúe a reportaxe de Pontevedra en Thinking Cities está referida á seguranza viaria e á seguridade do transporte. Nela abórdase a política de seguridade viaria, atendendo a todas as categorías de usuarios da vía e apoiando o desenvolvemento de solucións innovadoras. Noutras seccións da publicación especial de Thinking Cities fálase tamén de medio ambiente e saúde, cidades intelixentes, eficiencia do tráfico e mobilidade, accesibilidade, ou gobernanza e integración. Outros exemplos que se tratan son os de Eindhoven, Lille, Moscú, Ravenn, Estocolmo, Viena ou Rotterdam, entre outros.

A publicación sobre "Ágora" xorde despois de que o deputado Uxío Benítez tivera participado nunha sesión de traballo o pasado mes de marzo na que POLIS, a Rede Europea Para a Innovación no Transporte, cualificou o proxecto "Ágora" como "unha boa práctica inspiradora" e convidou á Deputación a expoñer o seu proxecto ante representantes de cidades e rexións de toda a Unión Europea.