Noticias

O programa "Conectadas 2016" inicia 24 novos obradoiros en 20 concellos da provincia

A iniciativa de Igualdade ten como obxectivo potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica


12 oct 2016

O programa de Igualdade "Conectadas 2016" levará a cabo ata o 15 deoutubro, 24 novos obradoiros repartidos entre os seguintes 20 concellos da provincia: Baiona (conservación de alimentos, conservas artesanais), Barro (tapas, petiscos e canapés), Caldas de Reis (cociña: menú diario), Cambados (cociña e alimentación: hábitos saudables), Crecente (zumba), A Estrada (cociña: menú diario e intelixencia emocional), Meaño (cestaría), Meis (conservación de alimentos, conservas artesanais), Mos (pilates), Oia (percusión e canto e risoterapia), Pontevedra (ioga), O Porriño (pilates e arte floral: ornamentación), Rodeiro (pilates), Salvaterra de Miño (cestaría), Sanxenxo (ximnasia de mantemento e poda e tarefas do campo dende a sustentabilidade), Tui (pastelaría e repostaría creativa), Vigo (pilates), Vila de Cruces (zumba), Vilagarcía de Arousa (conservación de alimentos, conservas artesanais) e Vilanova de Arousa (cociña: menú diario).

Estes obradoiros do programa elaborado polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra recollen temáticas moi diversas, que van dende as actividades físicas (zumba, ioga, ximnasia de mantemento), pasando pola artesanía e manualidades (traballos en tea, coiro, madeira e outros; costura creativa; iniciación á costura) ou a alimentación (conservación de alimentos, conservas artesanais; cociña e alimentación: hábitos saudables; tapas, petiscos e canapés), así como alfabetización dixital (fotografía e edición) e psicoloxía (risoterapia, mindfulness), entre outros.

Lembramos que "Conectadas 2016" ten como obxectivo potenciar a participación e promoción das mulleres, mellorar a súa formación básica e favorecer as relacións interpersoais en igualdade, así como o intercambio de experiencias. Faino mediante accións formativas e coa incorporación de maneira transversal dos principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación nos distintos eidos persoal, laboral e familiar. Ademais, tamén pretende contribuír á mellora da empregabilidade das mulleres e o seu mantemento no mercado de traballo, reducindo a brecha dixital mediante o emprego da información e as novas tecnoloxías.

As actividades estanse a realizar ao longo de 60 concellos da provincia e son máis de 5.000 alumnas e alumnos os que se beneficiarán en total do programa. Cada un dos cursos ten unha duración de 35 horas e precisa un mínimo de 15 persoas participantes, organizándose en grupos de entre 20 e 25 persoas como máximo e con preferencia ás mulleres. Só un 25% das prazas se reservan para homes, agás no caso dos cursos relacionados coa cociña e alimentación, onde a distribución de prazas está a ser mixta.

"Conectadas 2016" é unha iniciativa desenvolvida polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra. Esta área, que se creou por primeira vez esta lexislatura, ten como finalidade funcionar non como un departamento independente, senón integrado nas distintas áreas da institución provincial para implantar criterios de Igualdade entre mulleres e homes en todas as iniciativas que se desenvolven dende a institución provincial.