Noticias

O programa "Violencia zero" pasa por A Estrada coa alerta poética de Míriam Ferradáns contra os crimes machistas

A artista estivo no IES N.º 1 da Estrada para rachar co silencio e coa rutina dos actos oficiais de protesta


21 decembro 2020
Mulleres en Acción Violencia Zero en A Estrada

A artista de Bueu Míriam Ferradáns deu corpo hoxe ao programa "Mulleres en acción. Violencia zero" no Instituto de Ensino Secundario Número 1 da Estrada. Ferradáns puxo de manifesto que, segundo os datos oficiais, van xa 42 mulleres asasinadas en España por violencia machista. Por cada unha delas leu unha peza poética. Á cita acudiron Victoria Alonso, deputada provincial de Igualdade, Amalia Goldar, concelleira de Benestar Social do Concello da Estrada, e 45 rapazas e rapaces que cursan a Educación Secundaria Obrigatoria no centro e que puideron gozar desta acción titulada Arte de resistencia.

A artista colocou follas con cada un dos poemas, adornados con lazos violetas, sobre uns pequenos montículos de area situados no chan, como metáfora da morte. Ao rematar, colocou todas as pezas nunha caixa rotulada coa palabra "silencio", coa que fixo reflexionar aos rapaces e rapazas sobre a enorme cifra de falecidas este ano e a importancia de acabar coa súa invisibilización. Para Míriam Ferradáns os minutos de silencio volvéronse accións rutineiras e perderon efectividade, polo que optou por impactar visualmente na mocidade con esta acción. Con Arte de resistencia a artista fixo cavilar aos e ás asistentes sobre os pretextos que o patriarcado emprega sempre para chegar ás mulleres e a resistencia destas ante as pequenas e grandes violencias diarias.

A de este luns na Estrada foi a terceira acción deste "Mulleres en acción. Violencia zero" da Deputación de Pontevedra, que o martes 22 de decembro chegará ao pavillón do IES María Soliño de Cangas, cunha actuación musical da viguesa High Paw. O proxecto, que ten por obxecto visibilizar á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade, inclúe accións de performance, muralísticas, de danza contemporánea, poesía ou acción escénica.