Noticias

O programa "Tic Emprendes" da Deputación de Pontevedra chega aos concellos do Verdugo-Oitavén para formar á mocidade en deseño de "APPS", creación de tendas online e animación como "DJ"

Hai 45 prazas dispoñibles para persoas desempregadas da bisbarra de entre 16 e 30 anos e que, na actualidade, non estean cursando estudos regrados


01 outubro 2020

O Concello de Ponte Caldelas acolle 3 das 26 accións que a Deputación de Pontevedra está a levar a cabo en toda a provincia no marco do programa de inserción laboral Tic Emprendes. Os cursos están dirixidos á mocidade de Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos de Montes e Pazos de Borbén e foron escollidos a través dunha enquisa para detectar as súas inquedanzas profesionais. Así, as persoas participantes recibirán a formación e capacitación necesarias para converterse en Deseñador/a de Aplicacións para móbiles, xestor/a de Tendas Online ou "disc-jockey" (DJ).

O obxectivo do programa Tic Emprendes, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo, é a formación, eminentemente práctica e centrada en temas de actualidade, así como a mellora da empregabilidade da mocidade que resida en localidades do rural, tanto para emprender e traballar por conta propia como para facelo por conta allea. Deste xeito o programa traballa a prol do asentamento da poboación no rural creando tamén oportunidades de desenvolvemento profesional.

No caso de Ponte Caldelas optouse por un sector de actividade moi relacionado co lecer e a tecnoloxía. Así, no curso de "DJ" aprenderase sobre os distintos tipos de misturas, así como conceptos sobre a estrutura musical, ferramentas, equipos e programas máis comúns empregados ao "pinchar" música e adquisición das habilitades básicas e complementarias para animación de eventos sociais. No curso de Deseño de "apps" para móbiles adquirirase a habilidade necesaria para o manexo da contorna de programación e creación de aplicacións completas, tanto para dispositivos con sistemas operativos Android como iOS. Finalmente, na acción formativa de Creación e Xestión de Tendas Online impartiranse os contidos para poñer en marcha e desenvolver o "e-commerce" a través deste tipo de plataformas, partindo da estratexia e incluíndo tamén o plan de negocio. Ademais, as tres accións formativas contarán cun módulo de autoemprego e emprendemento.

As accións chegarán a Ponte Caldelas a mediados deste mes de outubro e terán, cada unha delas, unha duración de 125 horas lectivas, das que 100 horas serán de formación específica relacionada co contido do curso e 25 horas centradas na formación para o autoemprego e creación de empresas. As sesións desenvolveranse en xornadas de 5 horas diarias polo que a duración total desta accións formativa desenvolverase o longo de 5 semanas. Ademais, as persoas participantes teñen dereito a unha bolsa de desprazamento de 13,45 euros diarios por día de asistencia.

A iniciativa conta cun total de 45 prazas dispoñibles (15 en cada curso) que están reservadas a persoas de entre 16 e 30 anos que, ademais, deben estar inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil (trámite moi sinxelo que é posible realizar online), estar en situación desemprego, non estar integradas no sistema de educación ou formación regradas e residir nun dos 31 municipios do rural que participan nesta iniciativa.

As solicitudes poden presentarse ata antes do inicio do curso, preferentemente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Deputación: https://sede.depo.gal ou no rexistro do concello. Para mais información, as persoas interesadas poden contactar en https://www.depo.gal/tic-emprendes  e nos teléfonos: 886 217 320 / 986 804 100 extensión 47 321.