Noticias

O programa "Tecendo lazos 2018" da Deputación arranca noutros cinco concellos da provincia

A Guarda, Tomiño, Ponte Caldelas, Pazos de Borbén e Valga abren o prazo para inscribirse nos obradoiros que buscan promover espazos de encontro entre xeracións


11 setembro 2018
Tecendo Lazos 2018

Os concellos da Guarda,Tomiño, Ponte Caldelas, Pazos de Borbén e Valga veñen de abrir os prazos de inscrición en diversos obradoiros do programa "Tecendo Lazos 2018" impulsado pola Deputación de Pontevedra. Trátase dunha iniciativa que consiste en realizar talleres nos municipios adheridos para promover espazos de encontro entre as distintas xeracións familiares, sensibilizar e intercambiar aprendizaxes, recursos, valores e ideas.

No concello da Guarda vaise desenvolver o obradoiro "Risoterapia e Mindfulness" e o prazo de inscrición está aberto, na Oficina Municipal de Información e Xuventude, ata o vindeiro 2 de outubro. En Tomiño mantense aberta a inscrición, tamén na OMIX, ata o 19 de novembro e o taller será de "Creación de xoguetes tradicionais".

"Cantigas e bailes de sempre" será a actividade que vai ter lugar en Ponte Caldelas, que abriu o prazo de inscrición no Concello ata o 22 de setembro. En Pazos de Borbén, distintas xeracións traballarán en "Elaboración de xabóns" e as persoas interesadas poden anotarse na OMIX ata o 1 de outubro. "Creación de xoguetes tradicionais" é o obradoiro que se vai desenvolver en Valga, cuxo prazo de inscrición está aberto ata o 26 de setembro na OMIX do Concello.

Estes cinco novos municipios súmanse ao de Portas, que xa abriu a semana pasada o prazo para anotarse nestas iniciativas de "Tecendo lazos 2018". Ao igual que estes concellos, os 38 da provincia adheridos este ano ao programa, doce máis que en 2017, irán abrindo estas semanas as inscricións nos seus talleres, que se desenvolverán entre os meses de setembro e decembro.

A Deputación de Pontevedra destina este ano un total de 60.000 euros ao programa "Tecendo lazos" no que se poderán desenvolver ata 52 obradoiros. En cada taller poden anotarse persoas de entre 6 e 99 anos de idade, tendo un mínimo de 10 persoas e un máximo de 30, cun mínimo do 40 % de menores. A súa duración será de 16 horas lectivas e axustaranse a catro temáticas diferentes: "Risas en familia", "Xogos e xoguetes tradicionais: xogando en familia", "O noso son: bailes e cancións de agora e de sempre" e "Faino ti".

Todos os obradoiros inclúen o módulo "A historia do meu municipio", a través do que as persoas participantes se achegarán máis polo miúdo á historia do seu propio concello, recompilando historias, lendas, contos ou fotografías dos mesmos. Cada municipio elaborará un traballo que se presentará a un concurso, que na pasada edición de 2017 gañou o concello da Lama co proxecto "Andando gaña o muíño, que parado está perdido".

"Tecendo lazos"  diríxese aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, que se adheriron ao programa e que nesta edición son 38: Baiona, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Cañiza, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga e Vila de Cruces.

Este ano sumáronse doce concellos máis a esta iniciativa, xa que en 2017 participaron en "Tecendo lazos" 26 concellos da provincia. En concreto, tomaron parte nos distintos obradoiros realizados un total de 534 persoas, cunha media de entre 19 e 20 persoas en cada un dos talleres realizados.