Noticias

O programa "Degusta Europa" chega este xoves ao mercado de Lalín

A praza de abastos será escenario da degustación das elaboracións do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra inspiradas en países europeos e na campaña "Somos historias"


09 maio 2018
Degusta Europa en Lalín

A deputada provincial Digna Rivas e o deputado Javier Dios, xunto ao alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, asistirán este xoves á cuarta xornada do programa "Degusta Europa", iniciativa impulsada pola institución provincial con motivo do Día de Europa. O programa, que este ano organiza xa a súa terceira edición, ten por obxectivos levar aos mercados da provincia "a innovación e vangarda gastronómica da man do alumnado dos centros Manuel Antonio de Vigo e Carlos Oroza de Pontevedra, e poñer en valor os nosos mercados e produtos elaborando en directo e con produtos das nosas rías e da nosa terra unha serie de tapas inspiradas na temática europea.

A praza de abastos de Lalín será o escenario da degustación e das elaboracións do alumnado do CIFP Carlos Oroza, que están relacionadas con países europeos como Francia, Inglaterra, Dinamarca, Holanda e Noruega, e coa campaña "Somos historias", fío central da promoción deste ano da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, esta iniciativa da institución provincial presenta pratos de diferentes países ao tempo que pon en valor os produtos locais, recupera a imaxe dos nosos mercados tradicionais e da a coñecer a importante labor que realizan desde estes dous centros formativos da provincia.

Ademais de Lalín, A Guarda, Cangas e Vigo, "Degusta Europa", que serviu máis de 20.000 tapas nos anos 2016 e 2017, chega nesta quenda aos mercados de Marín, o 11 de maio de 11 a 12 horas, e a Vilagarcía de Arousa, o 15 de maio de 11 a 12 horas.