Noticias

O programa da Deputación "Violencia zero" chega este xoves ao Porriño da man da actriz Mónica Camaño

Nesta nova intervención artística participarán escolares dos centros educativos José Fernández López e Hermanos Quiroga Rodríguez


19 setembro 2018
Mulleres en Acción. Violencia Zero

A deputada de Igualdade, Digna Rivas, xunto á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, participarán mañá ás 12 h na vixésimo primeira intervención artística do programa "Mulleres en acción. Violencia zero". É unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A acción escénica que terá lugar na Praza do Concello do Porriño será protagonizada pola actriz galega Mónica Camaño, unha artista cunha longa experiencia e que participou en series como Serramoura, O Códice ou Matalobos; en longametraxes como Doentes, A biblioteca da iguana, O bosque de Levas ou O club da calceta.

A obra que representará Inherente Teatro é Proxecto Aurora. Trátase dunha acción escénica na que se fará un chamamento ao fin das violencias machistas e das actitudes patriarcais que, por desgracia, son tan frecuentes na actualidade. Á acción asistirán, xunto ao seu profesorado, alumnas e alumnos dos centros José Fernández López e Hermanos Quiroga Rodríguez.

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente se celebra este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).