Noticias

O programa da Deputación "Violencia zero" chega este mércores a Mondariz coa danza urbana de Exire

A deputada provincial Digna Rivas e o alcalde Xoán Carlos Bugarín estarán presentes nesta actuación á que tamén asistirán o alumnado e o profesorado do CPI de Mondariz


23 outubro 2018
Mulleres en Acción. Violencia Zero

A deputada provincial Digna Rivas, xunto ao alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Bugarín, asistirá mañá ás 13 horas a unha nova intervención artística do programa "Mulleres en acción. Violencia zero". O programa da Deputación é unha iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A acción escénica, que terá lugar no CPI de Mondariz, será protagonizada pola compañía de danza urbana e contemporánea, Exire. Esta compañía está liderada polas bailarinas Estefanía Gómez e Alba Fernández. A obra que representarán será "Nexos", unha acción escénica que desvela a complicidade que existe entre dúas persoas, as súas memorias compartidas e a busca incesante dese recordo que as sostén no tempo. Esta actuación fará reflexionar ao alumnado e profesorado do CPI de Mondariz.

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).