Noticias

O programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero" pecha a súa cuarta edición en Nigrán da man de María Vallina

A artista asturiana presenta Anástrofe no IES Escolas Proval, unha obra de libre manipulación e experimentación para denunciar a desigualdade


09 novembro 2019
Mulleres en Acción-Violencia Zero

A artista María Vallina pechará este luns en Nigrán a cuarta edición de "Mulleres en acción. Violencia zero", o programa da Deputación de Pontevedra para loitar contra as violencias machistas a través da arte e da cultura e para dar a coñecer o traballo das novas artistas que están a traballar a favor da igualdade. Ás 17:15 horas, no IES Escolas Proval, Vallina presentará a súa obra Anástrofe, na que a artista e o alumnado participarán nunha acción artística á que asistirán a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e as deputadas provinciais Isaura Abelairas e Raquel Giráldez, así como o alcalde de Nigrán, Juan González.

María Vallina é unha artista asturiana que combina a súa actividade artística coa investigación académica. A acción coa que chegará a Nigrán consistirá nunha obra de libre manipulación e experimentación coa materia e coas súas posibilidades de interacción, inestabilidade e mutabilidade. A acción principal que levará a cabo ten un marcado carácter simbólico, posto que trata de buscar a dificultade dunha tarefa tan cotiá coma fregar. Neste caso, o que a artista intentará fregar será o céspede, ata chegar a rascar a terra, poñendo énfase nos sons grazas á utilización de asubíos. Con Anástrofe a artista quere evidenciar a violencia de accións cotiás tan relacionadas coa muller como son fregar e frotar.

Este ano 2019 "Mulleres en acción. Violencia zero" volveu reunir o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades coma a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, todas elas vinculadas pola vontade de ofrecer coa súa obra un firme discurso a favor da igualdade de xénero. Esta cuarta edición comezou en novembro de 2018 e tivo lugar en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán).