Noticias

O programa da Deputación "Mulleres en acción. Violencia zero" chega este martes a Redondela da man de Somdolilá

A proposta ‘Conversas de bo trato sen palabras' levarase a cabo na praza do Concello coa asistencia da presidenta, Carmela Silva, e da alcaldesa, Digna Rivas


09 marzo 2020

O concello de Redondela acollerá este martes 10 de marzo a novena acción da edición 2020 do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero". A cita, aberta ao público e á que asistirán a presidenta provincial, Carmela Silva, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, terá lugar ás 12.30 horas na praza do Concello. Baixo o título Conversas de bo trato sen palabras, o colectivo feminista Somdolilá, conformado por activistas, artistas e formadoras, poñerá o foco nas violencias invisibles contra a muller a través dunha proposta multidisciplinar que conxugará percusión, palabra falada e movemento.

Durante o acto, o colectivo tratará de utilizar a arte como ferramenta de empoderamento, sororidade e transformación. A través da peza rítmica ou batucada todas as participantes poderán sentirse unidas. Ademais, este evento terá unha fase de preparación previa que contará con alumnas e alumnos do IES Illa de San Simón e na que as integrantes de Somdolilá levarán a cabo varios exercicios de reflexión sobre as violencias e as súas solucións para, posteriormente, impartir un obradoiro de batucada no que a comunicación será exclusivamente musical, sen palabras.

Somdolilá, formado por un grupo de mulleres que traballan para desenvolver accións de concienciación e visibilización das violencias machistas, consolidouse como proxecto no 2018. Cos tambores como ferramenta, tratan de transmitirlle a sororidade ao escenario máis esixente: as rúas. As mulleres que o conforman teñen unha ampla traxectoria como educadoras e artistas e, coa súa formación e experiencias no eido musical e no de dinamización social, tentan construír obradoiros desde a individualidade para xerar un sentimento colectivo.

"Mulleres en acción. Violencia zero" ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir 25 artistas especializadas en modalidades coma a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición, coma a anterior, realizarase novamente en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove, Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).