Noticias

O programa da Deputación "Depo en marcha" 2019 inicia esta semana cinco novos obradoiros na provincia de Pontevedra

Máis de 100 persoas maiores participarán en distintos obradoiros nos municipios de Moaña, Cangas, Marín, Ponteareas e Vigo


12 maio 2019
Depo en Marcha 2019

Ao longo desta próxima semana un total de 106 persoas comezarán na provincia cinco novos obradoiros enmarcados no programa "Depo en marcha" 2019. Os obradoiros iniciaranse nos municipios de Moaña, Cangas, Marín, Ponteareas e Vigo. Os principais obxectivos deste programa son favorecer o envellecemento activo, optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade, mellorar a calidade de vida das persoas maiores, establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, así como potenciar movementos de participación e cooperación social, promover espazos de encontro e impulsar a independencia das e dos maiores para evitar o illamento e as situacións de soidade.

Máis polo miúdo, en Moaña comeza o xoves 16 un curso de Informática Avanzada no Club de Xubilados e Pensionistas Nuestra Señora del Carmen de Moaña, no que van participar 23 persoas todos os xoves, de 16 a 18 horas. En Cangas, o mércores 15, 19 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas Santiago-Cangas iniciarán un obradoiro de Ioga, que será os mércores de 17 a 18 horas. As clases quedarán suspendidas nos meses de xullo e agosto e re emprendéranse o 13 de setembro, a partir deste mes impartiranse os mércores e venres, tamén de 17 a 18 horas.

Por outra banda, en Marín, a partir do luns 13, a Asociación Camiño Vello de Marín e Comarca organiza o taller Conservando a Memoria que terá lugar os luns e xoves de 20 a 22 horas, unha actividade á que están inscritas 29 persoas.

En Ponteareas, comeza tamén o luns 13 un obradoiro de Ioga no que van a participar 16 persoas da Asociación de Veciños San Esteban de Cumiar todos os luns de 19:00 a 20:30 horas.

Por último, en Vigo comeza o martes 14 un curso de Ximnasia de Mantemento na Asociación de Veciños de Coruxo, no que van a participar 19 persoas todos os martes, de 17:00 a 18:15 horas.

O programa "Depo en marcha" 2019 espalla pola provincia de Pontevedra obradoiros, de 30 horas de duración, englobados en oito grandes áreas temáticas "Traballando coas mans", "Entre fogóns", "Aprendendo da natureza", "Móvete", "Activando corpo e mente", "Enredando", "Dálle marcha" e "En rede".