Noticias

O programa da Deputación "Depo en marcha" 2018 inicia esta semana sete novos obradoiros na provincia de Pontevedra

Participarán preto de 130 persoas maiores en distintos obradoiros nos municipios de Cerdedo-Cotobade, Silleda, Agolada, Mos e A Estrada


28 outubro 2018
Depo en Marcha 2018

Desde esta semana, preto de 130 persoas comezarán na provincia sete novos obradoiros enmarcados no programa "Depo en marcha" 2018. Os obradoiros iniciaranse nos municipios de Cerdedo-Cotobade, Silleda, Agolada, Mos e A Estrada. "Depo en marcha" é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros e actividades formativas que lles permitan mellorar a súa calidade de vida e evitar o illamento e a soidade.

Máis polo miúdo, no concello de Cerdedo-Cotobade, un total de 23 persoas da Asociación de Xubilados, Prexubilados e Pensionistas de Viascón van comezar o obradoiro de Aerodance. Terá lugar os martes e xoves, en horario de 16:30 a 18:00 horas. En Silleda, a Asociación Veciñal da Parroquia de Laro comeza este sábado un taller de Cestería, para o que polo momento están inscritas 25 persoas. Vaise realizar todos os sábados, de 16:30 a 18:30 horas.

Na Estrada iniciaranse tres obradoiros. Un total de 15 persoas da Asociación de Veciños Santa Apolonia empezarán o próximo luns un obradoiro de Cestería, que se desenvolverá todos os luns, de 18:00 a 21:00 horas. O martes 30 tamén dará inicio un obradoiro de Ximnasia de Mantemento no que participarán 15 persoas da Asociación de Veciños de Cora. Está previsto que teña lugar todos os martes de 18:00 a 19:30 horas. Ademais, en novembro tamén dará comezo, o día 10, un obradoiro de Pandeireta e Canto Popular ao que asistirán 18 persoas da Asociación de Mulleres Rurais San Miguel de Cora todos os sábados de 19:30 a 21:30 horas.

No concello de Agolada, preto de 20 persoas da Asociación Cultural Xeración Nós iniciarán o próximo 7 de novembro o obradoiro Plantas Medicinais. Vai ter lugar, en horario de 20:00 a 22:00 horas, todos os mércores. En Mos, a Asociación de Palilleir@s de Mos empezará o 10 de novembro o obradoiro de Iniciación ao Encaixe de Palillos, que terá lugar todos os sábados de 16:00 a 20:00 horas. Polo momento para este obradoiro están anotadas 15 persoas.