Noticias

O programa da Deputación "Depo en marcha" 2018 inicia esta semana dez novos obradoiros en oito concellos da provincia

Desde este luns participarán máis de 150 persoas de Pontevedra, Vigo, Marín, Salceda de Caselas, Gondomar, Mondariz, A Estrada e Silleda


15 setembro 2018
Depo en Marcha 2018

Ao longo desta semana máis de 150 persoas comezarán en oito concellos da provincia dez novos obradoiros enmarcados no programa "Depo en marcha" 2018, iniciativa da Deputación de Pontevedra encamiñada a favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia a través de obradoiros e actividades formativas que lles permitan mellorar a súa calidade de vida.

Máis polo miúdo, na comarca de Vigo iniciaranse catro obradoiros. No concello de Vigo darán comezo tres cursos 21 persoas da Asociación de Veciños de San Roque empezarán o luns un obradoiro de ximnasia de mantemento que alongarase ata o 26 de decembro. Este obradoiro celebrarase todos os luns e mércores de 10.00 h a 11.10 h. Pola súa banda, a Unión de Xubilados e Pensionistas da UGT organizará todos os martes e xoves, de 16.30h a 19.30h un obradoiro de internet ao que asistirán 15 persoas. Este curso empezará o martes 18 de setembro e rematará o 17 de outubro. Por último, a partir do venres 21 de setembro, 12 persoas da Asociación de Veciños As Fontes comezarán un obradoiro de informática que terá lugar os mércores e os venres, de 19.30h a 22.00h, ata o 16 de novembro. Ademais, en Salceda de Caselas, 15 persoas da Asociación Cultural A Feira gozarán dun obradoiro de pilates a partir do mércores 19 de setembro. Este curso celebrarase todos os mércores e venres ata o 21 de decembro.

Na comarca de Pontevedra, vai dar comezo en Pontevedra, na Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente un obradoiro sobre plantas medicinais, no que hai inscritas 16 persoas, e que se vai impartir todos os luns e xoves, de 20.30 a 22.00 h, ata o vindeiro 21 de novembro. Ademais, en Marín, 19 persoas da Asociación de Veciños Pardavila comezarán o martes o obradoiro "Conservando a Memoria", que terá lugar todos os martes e xoves, de 18.00h a 19.30h ata o 31 de decembro.

Na comarca do Condado, en Mondariz, vaise iniciar un obradoiro de informática ao que asistirán 15 persoas da Asociación de Maiores de Mondariz. O curso, que comezará o xoves 20 de setembro, impartirase todos os xoves de 19.30h a 22.00h ata o 20 de decembro.

No Val Miñor, en Gondomar, 15 persoas da Asociación de Veciños San Martiño de Borreiros gozarán dun obradoiro de internet ao que asistirán desde o mércores 19 de setembro. Este curso terá un horario de 19h a 21h e rematará o 12 de decembro.

Pola súa parte, na comarca de Tabeirós, concretamente na Estrada, comezará un curso de pandeireta e canto popular ao que asistirán 15 persoas da Asociación de Veciños de Curantes. Este obradoiro comezará o 20 de setembro e terá lugar todos os xoves, de 21h a 23h, ata o 27 de decembro.

Por último, na comarca do Deza, en Silleda, 16 persoas da Asociación Cultural e Musical Gaiteiros de Perreiriña participarán desde o venres 21 de setembro nun obradoiro de pandeireta e canto popular que rematará o 28 de decembro. Impartirase todos os venres de 20h a 22h.