Noticias

O Pleno da Deputación aproba unha moción socialista pedindo arranxos en varias estradas dependentes da Xunta de Galicia

Santos Héctor cualifica de lamentable e de abandono o estado dalgunhas das infraestruturas dependentes do executivo galego nas comarcas de Pontevedra, O Salnés e Deza


26 feb 2016

O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe unha moción do PSdeG-PSOE na que se pide á Xunta de Galicia que realice unha serie de melloras na seguridade viaria en varias estradas da súa titularidade na provincia, que, a xuízo do voceiro socialista, Santos Héctor presentan un estado de conservación lamentable e, en moitos casos, de case que abandono.

O voceiro socialista subliñou que son moitos concellos e veciños e veciñas que viven ao lado destas estradas os que "nos transmiten os problemas de seguridade viaria e nos piden que demandemos á Xunta o seu arranxo".

Entre estas estradas Santos Héctor sinalou as seguintes: a PO-300, que, ao seu paso polo concello de Cambados, á altura de Oubiña, pide melloras no firme, medidas de seguridade viaria e iluminación; a PO-551, que, ao seu paso polo concello de Moaña, pide medidas de seguridade viaria con beirarrúas polo intenso tráfico de vehículos e persoas; a  PO-300,  que, ao seu paso polos concellos de Sanxenxo e Poio, pide melloras no firme da estrada, iluminación nas zonas con poboación e medidas de seguridade viaria; a PO-400, que, ao seu paso polo concello de Salvaterra de Miño, pide melloras do firme e medidas de seguridade viaria; a PO-206, que, ao seu paso por Vila de Cruces, pide mellora do firme e medidas de seguridade viaria; e a PO-548, que, ao seu paso polo concello de Vilagarcía de Arousa, pide mellora do asfalto pola súa dexeneración.

Ademais, a moción dos socialistas inclúe outras infraestruturas en varias localidades, coma en Sanxenxo, onde se está a pedir o arranxo, de xeito urxente, dos accesos á ermida da Lanzada, que presenta unha serie de desprendementos que poñen en perigo o acceso dos viandantes. Urxe, ademais, pola proximidade da temporada turística de Semana Santa e de verán.

Igualmente, os veciños e as veciñas da Estrada están a reclamarlle á Xunta de Galicia a posta en marcha da restauración da ponte de Liñares, para a que xa existe un proxecto pendente da autorización de Patrimonio e de Augas de Galicia.

Tamén os veciños e as veciñas de Silleda veñen reclamando á Xunta de Galicia a recuperación e obras de consolidación da ponte Maril, unha ponte do século XV que atravesa o río Toxa e que precisa unha actuación urxente para evitar a súa desaparición.

O voceiro socialista subliñou tamén que desde a redacción da moción se uniu algunha outra estrada coma a PO-234; os veciños e as veciñas de Ponte Caldelas piden a súa reforma integral e non por tramos como está prevista.

Santos Héctor afirmou: "pedímoslle a Núñez Feijóo que se deixen de facer fotos coa súa conselleira de Infraestruturas e que fagan algo polo conxunto das estradas da provincia. O presidente da Xunta ten que deixar de mirar só para os concellos gobernados polo Partido Popular e mirar para o conxunto da provincia. Hai problemas en moitos concellos, non só naqueles do PP".