Noticias

O Pleno da Deputación aproba o orzamento para o 2018 de 157 millóns de euros. "É o mellor orzamento da historia desta institución"

Carlos Font subliña que o orzamento obedece "ao mellor proxecto político para a provincia, con máis equidade, máis dereitos, máis recursos e máis respecto á autonomía local"


29 decembro 2018
Orzamentos 2018

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o orzamento da institución provincial para o ano 2018 que ascende a 157 millóns de euros e a 160 millóns de euros incluíndo á Escola Universitaria de Enfermería e ao Consorcio Provincial para a prestación do Servizo Contra Incendios e Salvamento. O orzamento, é un 3 % maior que o 2017, "o mellor orzamento da historia da Deputación provincial", dixo o deputado e voceiro do Goberno provincial, Carlos López Font.

Font destacou que o documento recolle principios como os de máis equidade e máis dereitos e que trata desenvolver un novo modelo de provincia pensado para o benestar das veciñas e veciños vivan onde vivan, "que respecta a autonomía local e aposta por novos modelos en infraestruturas, recollida de residuos urbanos, de turismo, un proxecto que fomenta a igualdade entre homes e mulleres, un orzamento que apoia ao deporte, as empresas os emprendedores ou as novas tecnoloxías".

O deputado destacou que en definitiva "este orzamento resume con claridade as grandes liñas do Goberno da Deputación, cun proxecto global de provincia para construír unha sociedade avanzada baseada no respecto á autonomía local".

Para o 2018 a Deputación de Pontevedra vai destinar un maior número de recursos á area de Cooperación cos concellos co obxectivo de garantir servizos fundamentais aos municipios, con criterios de transparencia, equidade, obxectivos claros e respectando a autonomía local. Así, medran as partidas para o Plan Concellos, ata os 42 millóns de euros (un 2 % máis que no 2017), e, ademais, a súa liña un, de Investimentos, vai garantir desde este próximo mes de xaneiro, 30 millóns do 2019 para que os concellos poidan presentar proxectos máis ambiciosos ou destinar recursos para facer fronte aos danos producidos polos incendios. A estes recursos hai que engadir un millón de euros a disposición dos municipios para anticipos sen xuros e sen comisións e dous millóns do Plan de Reequilibrio 2017, aos que hai que sumar os 6 millóns xa aprobados no pleno do pasado 24 de novembro que se verán aumentados cos remanentes a comezos do 2018.

O orzamento para o 2018 da institución provincial tamén recolle a aposta do Goberno pola sustentabilidade. Neste eido, conta con 2,7 millóns de euros (7,5 % máis que no 2017) para programas de protección dos montes e desenvolvemento da pesca e agrogandeiría, case 4 millóns de euros ao tratamento e xestión de residuos e un 7 % máis de investimentos en Areeiro e Mouriscade.

No que se refire ao fomento do emprego o orzamento increméntase un 8,72 %, con 4,12 millóns de euros. Ao respecto, cabe recordar que a institución provincial pasou de crear 719 empregos no 2014 a 1.100 no 2016 e 1.200 no 2017, aos que engadir as 1.085 bolsas do Plan de práctica laboral, os preto dun centenar de bolsas de turismo e as centenas de emprego na propia institución, en mellores condicións de acceso.

Tamén medra nun 5 % os recursos destinados ao apoio á actividade económica, con preto de 2 millóns de euros para SmartPeme (que este ano multiplicou por tres o número de asesoramentos), 340.000 para os viveiros e 5,4 millóns de euros para Novas Tecnoloxías. Ademais a área de Mobilidade contará con 17,27 millóns de euros (un 6,62 % máis que no 2017), Turismo con 4 millóns (2,8 % máis que no 2017), Igualdade con 1,2 millóns de euros (8,1 % máis que no 2017) e Cohesión Social e Xuventude 5,61 millóns de euros (1,5 % máis que no 2017) que, de sumar Príncipe Felipe, ascende a 10,3 millóns de euros. Na área de Cultura e Lingua, 3,9 millóns de euros (6,2 % máis que no 2017) van dirixidos a Servizos Lingüísticos, Promoción Cultural e Xestión do Patrimonio Histórico e Artístico, aos que engadir os 4,4 millóns de euros do Museo Provincial (1,85 % máis que no 2017). Ademais, a Escola de Cantería ve reforzado o seu orzamento con preto dun millón de euros e para a área de Deportes máis de 4,3 millóns de euros.

En liña xerais, o orzamento para o 2018 amosa o proxecto global de provincia do Goberno da Deputación de Pontevedra, sen contemplar ningún euro de libre disposición para a Presidencia e baseado na igualdade; nunha maior equidade e dereitos para os concellos e para a cidadanía; na sustentabilidade do territorio, cun modelo de desenvolvemento baseado na mobilidade e accesibilidade, de seguridade viaria, de respecto ao medio natural e dun tratamento axeitado dos residuos sólidos; no apoio ás sinais de identidade da terra como son a lingua, a cultura e o patrimonio; no apoio aos sectores produtivos, á pesca, á agrogandeiría, á investigación, ao turismo, á industria cultural e musical, á industria, ás pemes, ás persoas autónomas e emprendedoras; así como na construción dunha sociedade avanzada baseada na educación, na cultura, no deporte, na recuperación do espazo público para as persoas e en máis democracia e respecto á autonomía local.

Ademais, o orzamento para o 2018 cumpre co obxectivo de déficit cero e coa regra de gasto e estabilidade orzamentaria, ao diminuír o endebedamento en 6,4 millóns de euros. Os ingresos correntes experimentan un crecemento superior ao 2,4 % suficiente para facer fronte aos gastos correntes e aforrar 1,4 millóns de euros. Deste xeito a ratio de investimentos pasa de 45 € por habitante a 48 € e de gasto de 160,8 € a 166 € por habitante.