Noticias

O Pleno da Deputación aproba a transferencia ao concello do Rosal dun tramo antigo de estrada provincial como viario urbano municipal

A transferencia é froito do convenio asinado entre a institución provincial e o concello para a mellora da mobilidade peonil na EP-3302, cun orzamento de 141.655,01 euros


25 abril 2020
O Rosal

O Pleno da Deputación de Pontevedra, levado a cabo por primeira vez de xeito telemático este venres, aprobou a transferencia dun tramo de estrada provincial do Rosal para convertela en viario urbano municipal. Esta transferencia intégrase no convenio asinado entre a institución provincial e o concello do Baixo Miño para a mellora da mobilidade peonil nun tramo da estrada provincial EP-3302, na que se están a investir 142.655,01 euros.

Con esta transferencia a Deputación de Pontevedra cédelle ao Concello do Rosal un tramo antigo da vía que, polas súas características funcionais actuais, é asimilable ao viario municipal urbano. De feito, na actualidade a vía non forma parte do itinerario principal da estrada provincial e unicamente dá acceso aos predios colindantes, polo que, mediante a cesión, o concello poderá garantir de xeito óptimo o seu mantemento e control de ocupación do dominio público.

A transferencia desta parte antiga da vía provincial inclúese no convenio asinado entre a Deputación e o Concello do Rosal para a mellora dun tramo de aproximadamente 575 metros da estrada provincial EP-3302. Mediante este convenio, cun orzamento de 142.655,01 euros e en execución na actualidade, estase a acondicionar a estrada cunha senda peonil, unha beiravía entre a senda e a calzada, pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade. A actuación persegue as liñas de mobilidade que a Deputación de Pontevedra está a estender por toda a xeografía provincial, delimitando a circulación do tráfico rodado e peonil e impulsando a seguranza viaria, dispoñendo de espazos seguros para os colectivos máis vulnerables.