Noticias

O Pleno da Deputación aproba a transferencia ao Concello de Silleda dun tramo antigo de estrada provincial como viario urbano municipal

A transferencia é froito do convenio co concello para a mellora da mobilidade peonil na EP-6518 Silleda-Ponte, na que se investiu case medio millón de euros


25 abril 2020
Silleda

O Pleno da Deputación de Pontevedra, levado a cabo por primeira vez de xeito telemático este venres, aprobou a transferencia dun tramo da estrada provincial Silleda-Ponte para convertelo en viario urbano municipal. Esta transferencia intégrase no convenio asinado entre a institución provincial e o concello do Deza para a mellora da mobilidade peonil nun tramo da estrada provincial EP-6518, na que se investiu case medio millón de euros.

Con esta transferencia a Deputación de Pontevedra cédelle ao Concello de Silleda o tramo da vía no que actuou, xa que, polas súas características funcionais, non reúne as peculiaridades propias dunha estrada provincial e é asimilable ao viario municipal urbano. Mediante esta cesión o concello poderá garantir de xeito óptimo o seu mantemento e control de ocupación do dominio público.

A transferencia desta parte da vía provincial EP-6518 refírese concretamente ao tramo entre os puntos quilométricos 0+435 e 0+876. Mediante este convenio, cun orzamento de 448.077,47 euros, transformouse unha vía eminentemente rodada nun contorno con alto peso da mobilidade peonil, implantándose medidas de sinalización e un calmado de tráfico, creando espazos peonís e acondicionando un espazo que sirve de acceso ás instalacións da Feira Internacional de Galicia e a vivendas. A actuación persegue as liñas de mobilidade que a Deputación de Pontevedra está a estender por toda a xeografía provincial, delimitando a circulación do tráfico rodado e peonil e impulsando a seguranza viaria, dispoñendo de espazos seguros para os colectivos máis vulnerables.