Noticias

O Pleno da Deputación aproba a mellora dos convenios co Concello de Vigo que regulan catro das obras máis importantes da cidade

A vía ciclista Teis-Samil, a nova grada de marcador en Balaídos, a humanización da estrada provincial e o convenio para a mellora de instalacións deportivas


30 abril 2019
Pleno extraordinario

O Pleno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou este martes a mellora para a adecuación financeira dos convenios co Concello de Vigo que regulan a posta en marcha de catro das obras máis importantes que se están a facer na cidade, e nas que a institución provincial inviste máis de 17 millóns e medio de euros (17.773.804 €)

Trátase do convenio para as obras da vía ciclista Teis-Samil no que a Deputación aporta 3.537.000 euros. Asimismo, o pleno deu luz verde á mellora do convenio co Concello de Vigo para as obras da nova grada de marcador, en Balaídos, na que a institución que goberna Carmela Silva inviste 6.915.907 euros.

Na relación de convenios que foron ao pleno deste martes, tamén figurou o acordo para a cesión da estrada provincial e humanización de Gran Vía-Avenida de Madrid-Emilia Pardo Bazán, polo que a Deputación de Pontevedra inviste 1.800.000 euros. Finalmente outro dos convenios con Vigo que se verá beneficiado é o que regula a mellora de instalación deportivas como a renovación das instalacións de céspede sintético en campos municipais (Navia, Bouzas, O Meixueiro, Bouza, Sárdoma-Moledo, A Guía e Candeán); a remodelación e substitución dos pavimentos das pistas deportivas da grada de Río en Balaídos, remodelación e substitución dos pavimentos das pistas polideportivas, mellora das seis pistas de pádel e da recta multiusos. Neste convenio, na que a institución provincial inviste 5.520.897 euros, tamén se contempla a construción do novo pavillón deportivo cuberto e instalacións complementarias en Romil e o novo pavillón cuberto de Quirós.