Noticias

O Plan Revitaliza de compostaxe chega á veciñanza de Sabaxáns, en Mondariz

Este xoves día 12, ás 20 horas, haberá unha nova repartición de composteiros individuais nas instalacións do Concello


11 xullo 2018
Plan Revitaliza de Sabaxáns en Mondariz

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra repartirá este xoves, día 12, outro lote de composteiros individuais entre familias da parroquia de Sabaxáns, en Mondariz. A entrega dos composteiros xunto co material complementario e a charla de formación para a veciñanza realizarase, ás oito da tarde, no local do Concello.

Con esta nova entrega de compostadores o Concello de Mondariz continúa co seu plan de aplicar a compostaxe como modelo de xestión do lixo dentro do municipio coa intención de que toda a poboación composte os seus biorresiduos antes de que finalice o ano. Os composteiros repartiranse semanalmente ata chegar á cifra de 1.200, o que dará cobertura a toda a veciñanza, tendo en conta que tamén se instalarán novos centros de compostaxe comunitaria que darán servizo a zonas máis densas e a grandes produtores.

Como xa se dixo, o Concello de Mondariz será un dos primeiros en todo o Estado español que cumprirá a tempo a nova normativa de residuos, que obrigará a que no ano 2020 todo o lixo orgánico se composte ou se recolla de xeito separado. Este paso a un novo modelo de xestión de residuos será moi sinxelo e economicamente asumible para as arcas locais xa que a Deputación acaba de aportar o 90 % do custo. Hai que lembrar, así mesmo, que a día de hoxe o gasto do Concello na recollida e tratamento do lixo precisa unha considerable parte de todos os ingresos municipais.

A cidadanía convocada á reunión, como xa é habitual, recibirá un composteiro doméstico de exterior, un aireador, un termómetro analóxico e un manual de compostaxe. Tamén recibirá información sobre o funcionamento dos puntos verdes de intercambio de podas e estruturante.

Por outra banda, o vindeiro domingo, persoal técnico da Deputación de Pontevedra (mestras e mestres composteiros) instalarán unha carpa informativa sobre compostaxe e o Plan Revitaliza da Deputación na praza principal da vila. Alí todas as veciños e veciños poderán recoller unha bolsa con parte do primeiro lote de compost producido ao compostar os biorresiduos no centro de compostaxe comunitaria da vila. Deste xeito, a cidadanía poderá comprobar as súas características e o seu funcionamento como fertilizante.