Noticias

O Plan Concellos destinará en 2017 a Soutomaior 533.203 €, un 12,45 % máis que este ano, 10 puntos máis que a media da provincia

Neste ano 2016 o Goberno provincial de Carmela Silva investiu un total de 754.181,21 € en Soutomaior


25 decembro 2016
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra achegaralle ao Concello de Soutomaior durante 2017, no marco do Plan Concellos, 533.203,53 €, 59.033,72 € máis que en 2016, o que supón un crecemento do 12,45 % con respecto a este ano, case dez puntos máis que a media provincial, e que se suma ao incremento de 2016 con respecto a 2015, que foi dun 18,66 %. Á marxe do Plan Concellos, Soutomaior recibirá o ano que vén outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos 2016

Ao longo deste ano a Deputación de Pontevedra investiu en Soutomaior  754.181,21 €, o que significa unha media de 104 € por habitante. En liñas xerais, desta contía, 474.169,81 € correspondéronse co Plan Concellos 2016, 74.559,43 € máis que o ano anterior, o que supuxo un crecemento do 18,66 % con respecto a 2015. Ademais, a institución provincial investiu 108.960,24 € en mobilidade no concello, 45.615,87 € en cohesión social e xuventude, 18.850,46 € en medio ambiente, 18.845,76 € en emprego, 15.614,17 € en cultura e lingua, 13.291,15 € en igualdade e 7.708 € en deportes.

En concreto, Soutomaior investiu 349.659,67€ da liña 1 do Plan Concellos na mellora dos lavadoiros de Fonte dos Pereiros, Fonte da Xesteira, da Carrola e da Pedreira; na mellora dos vestiarios do campo de fútbol de Soutomaior; na renovación do parque infantil de Veiguiña Longa; na pavimentación dos camiños de Pino Manso, Carballal, Pedreira, Lourido, Romariz e Carrasqueira; no mantemento e conservación da casa consistorial e na climatización da casa de cultura de Soutomaior e do obradoiro de Alxán. Tamén destinou, a través da liña 3, 17.781,37 € para a Festa da Ostra en Arcade e para as actividades de verán e as de entroido, así como 106.688,21 € da liña 4 para a contratación de 17 persoas para desempeñar tarefas no Concello de Soutomaior.

No caso do fomento da cultura e lingua, o Concello recibiu 15.614,17 €, a través dos cales se organizaron 13 actuacións do Pontegal, así como para a dinamización lingüística e para a rehabilitación do patrimonio histórico-cultural. Tamén se destinaron 45.615,87 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, da axuda básica de emerxencia ou da teleasistencia domiciliaria (da que se benefician 11 persoas), ben mediante os programas "Depo en marcha" (no que participaron sete asociacións), "Tecendo lazos", "En ruta coa  Depo" (no que participaron cinco asociacións), "Depotermal" (do que se están a beneficiar 37 persoas) ou "Depo Aventura A Lanzada", no que participaron 20 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Soutomaior recibiu 7.708 € para sete clubs de deporte federado de base, para que dous equipos disputasen a Copa Deputación e para a escola deportiva de patinaxe; tamén 18.845,76 €, destinados ao fomento do emprego a través do Plan de Práctica Laboral, que está a permitir que dúas persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no Concello de Soutomaior. Tamén se achegaron 13.291,15 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa "Conectadas", mediante o cal se organizaron nove cursos, e das subvencións para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero.

Ademais, a institución provincial achegou 108.960,24 € en materia de mobilidade, en concreto para obras de sinalización horizontal nas vías provinciais que atravesan Soutomaior e para implantar o Plan MOVESE.