Noticias

O Plan Concellos destina 180.000 € a Agolada para a realización de melloras nos camiños municipais

O grao de adxudicación do Plan Concellos en Agolada sitúase no 78%, o que supón un investimento na vila de 381.316,24 €


11 jul 2016
Plan Concellos Agolada

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar dúas novas axudas destinadas ao concello de Agolada dentro da liña 1, investimentos, do Plan Concellos 2016. Por unha banda, aprobou un investimento de 83.708,84 € co fin de realizar melloras de camiños de titularidade pública con firme de formigón e, por outra, 96.413,80 € que teñen o mesmo obxecto pero, desta vez, con firme de asfalto. A suma das dúas contías supoñen un investimento na vila de 180.122,64 €.

Estas dúas actuacións supoñen a estrea de Agolada na liña 1 de investimentos, mais non son as primeiras achegas que a vila percibe dentro do Plan Concellos. Ata o de agora, o Goberno provincial xa lle achegara 73.333 € en liña 2 para sufragar os gastos correntes do municipio, outros 18.333 € en liña 3 con vistas ao financiamento do Campionato de Quad Cross e Moto Cross, o Campus Infantil e Liguilla Fútbol 7, o Campamento Musical e a XX Mostra de Artesanía e Romaría Medieval e, por último, os 109.527,60 € que recibiu a vila en liña 4 e cos que o concello creou 16 postos de traballo nos seus servizos municipais.

No que levamos de 2016, o grao de adxudicación do Plan Concellos 2016 destinado a Agolada sitúase no 78% do total, o que supón que neste momento o investimento na vila acada a cifra de 381.316,24 €.