Noticias

O Plan Concellos achega preto de 700.000 € a outros seis municipios

A Deputación leva aprobado o 52% da liña 1 para investimentos, cun importe total ata agora de 12.187.030 €


10 jun

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de darlle o visto bo a novas axudas para seis concellos da provincia, cuns investimentos totais de 658.103,36 €. Os municipios que percibirán os importes aprobados son Gondomar, Meaño, Pontecaldelas, A Illa, Sanxenxo e Moaña. No que vai de ano, a Liña 1 do Plan Concellos achegou 12.187.030 € aos concellos da provincia, o que supón un grao de execución ata o momento do 52%.

Ao abeiro da liña 1, Gondomar recibirá 177.940,49 € para a mellora do camiño de Carrasquedo de Abaixo (parroquia de Vilaza), e con esta nova achega, a Deputación leva aprobado o 44% do total destinado ao municipio no marco do Plan. Así mesmo, o concello de Meaño beneficiarase de 129.468,61 € para a reconstrución das fachadas e a cuberta do pavillón polideportivo de Xil, cun grao de execución así do 64%. O municipio de Pontecaldelas vai recibir 122.463,41 € para a mellora da pavimentación en distintos núcleos rurais, co que as achegas do Plan Concellos ata agora quedan no 56%.

Para A Illa aprobouse unha contía de 89.097,70 € para o acondicionamento da Escola de Pau, cun grao de execución así do 89%. En Sanxenxo investiranse 78.980,15 € para a ampliación da Casa da Cultura de Aldina e con esta achega o grao de execución do Plan Concellos neste municipio sitúase no 59%. Moaña vai recibir 60.153 € para a construción dun muro de ampliación do viario costeiro na parroquia de Domaio e queda así o grao de execución do Plan nun 89%.