Noticias

O Plan Concellos achega máis de 200.000 € a Sanxenxo para saneamento, abastecemento e pavimentación

No que vai de ano concedeuse xa o 89,8% do total destinado a Sanxenxo dentro do Plan Concellos 2016, o que supón un investimento na vila de 1.034.983 €


16 set 2016

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar dúas achegas para o concello de Sanxenxo, por un total de 207.061,93 €. Unha contía de 117.013,56 € destinarase para a pavimentación de viais en varios lugares do termo municipal, mentres que outra de 90.048,37 € será para a instalación de redes de saneamento de augas residuais e abastecemento en varios lugares do municipio. Ambas axudas enmárcanse dentro da liña 1, de investimentos, do Plan Concellos 2016.

Estas axudas súmanse a outras xa outorgadas dentro do Plan Concellos. En concreto, 422.012,44 € na liña 1 para os seguintes proxectos: o parque canino de Baltar, a ampliación da Casa da Cultura de Aldina, a reparación da instalación do alumeado público na rúa Progreso e o lugar de Forxán, o subministro de material e maquinaria para os parques e xardíns municipais, o acondicionamento da parcela municipal de equipamento público PEI-3, a subministración de elementos biosaudables para o parque público Xuncabranca, a adquisición dun sistema de control para a presenza de empregados e empregadas, a realización de obras de mellora no alumeado público en Arnosa (Vilalonga), o subministro de varios materiais e equipamentos (paneis informativos para as praias con bandeiras azuis, un sistema de detección de drogas en condutores e oito chalecos antibalas para a Policía Local e para dotar a Escola de Música Municipal dun piano de cola), a prolongación da rede de abastecemento de auga en varios lugares e a instalación dunha rede de saneamento de augas residuais e pluviais na contorna da piscina municipal.

Na liña 2, o Plan Concellos destinou 150.605,31 € á amortización dun préstamo, mentres que na liña 3 foron 4.819,15 € para a realización de dípticos e unha campaña informativa do valor ecolóxico das praias e para a campaña Bandeira Azul 2016. Por último, Sanxenxo beneficiouse de 250.484,33 € para a contratación de 30 persoas, dentro da  liña 4 de promoción do emprego.

No que levamos de 2016, o Plan Concellos xa se executou nun 89,8% en Sanxenxo, situando neste momento o investimento total  na vila en 1.034.983,16 €.